Economía e Industria activa o fondo Xes-Innova para apoiar proxectos emprendedores innovadores PDF
Cun capital de 1,65 millóns de euros, ampliable, ten como finalidade conceder préstamos participativos e/ou subscribir participacións en capital risco por contías comprendidas entre 60.000 e 200.000 euros. O novo fondo apoiará investimentos preferentemente asociados á innovación e ás novas tecnoloxías en ámbitos como as telecomunicacións, a biotecnoloxía, as enerxías renovables ou o medio ambiente. Súmase a programas como o re-Emprende e o re-Imaxina “para procurar que ningunha idea viable e innovadora quede sen converterse en empresa por falta do financiamento axeitado”, explicou Javier Guerra.
 
Santiago, 13 de setembro de 2010.- Mellorar e completar o abano de apoios a proxectos innovadores impulsados por novos emprendedores é o obxectivo fundamental do novo fondo de capital risco Xes-Innova, que arranca cunha dotación ampliable de 1,65 millóns de euros “para procurar que ningunha idea viable e innovadora quede sen converterse en empresa por falta o financiamento axeitado”, segundo manifestou o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, na rolda de prensa para dar conta da activación efectiva deste novo instrumento ao servizo do tecido empresarial galego.
 
A creación de Xes-Innova Fondo de Capital Risco fora anunciada polo conselleiro coincidindo coa celebración do Día do Emprendedor de Galicia, o pasado 16 de xuño. Tras destacar que agora xa está operativo, o conselleiro explicou que apoiará proxectos de investimento impulsados por novos emprendedores e que teñan como obxecto “a produción, investigación e desenvolvemento de actividades preferentemente asociadas á innovación e ás novas tecnoloxías en ámbitos como as telecomunicacións, a biotecnoloxía, as enerxías renovables ou o medio ambiente”.
 
O fondo Xes-Innova está participado nun 70% pola Consellería de Economía e Industria a través do Igape, e nun 30% por Ahorro Corporación. Será gobernado por Xesgalicia, a sociedade xestora dos fondos de capital risco da Xunta de Galicia, como fondo ponte para impulsar a creación e desenvolvemento de novos proxectos innovadores que, unha vez consolidados, poderían acollerse a outro instrumento financeiro de maior capacidade como é o Fondo Emprende.
 
O Fondo Xes-Innova concederá préstamos participativos e/ou subscribirá participacións en capital risco por contías comprendidas con carácter xeral entre un mínimo de 60.000 e un máximo de 200.000 euros, se ben, con carácter excepcional, eses límites poderán superarse. O novo fondo tamén poderá realizar actividades de asesoramento ás empresas que constitúen o obxectivo do seu investimento, estean ou non participadas polo mesmo.
 
Co obxectivo de dinamizar a posta en marcha deste novo instrumento ao servizo dos novos emprendedores innovadores en Galicia, a sociedade Xesgalicia subscribiu ademais un convenio de colaboración coa Federación de Xóvenes Empresarios (FEGAXE), que deste xeito participará  no proceso de selección dos proxectos de investimento candidatos a acollerse ao Fondo Xes-Innova.
 
Outros apoios a emprendedores
Xes-Innova  ven a completar e mellorar o abano de instrumentos financeiros dispostos pola Consellería que dirixe Javier Guerra para apoiar o financiamento de proxectos impulsados por novos emprendedores. Entre estes instrumentos, o conselleiro destacou o programa re-Emprende “que concede subvencións a fondo perdido que poden cubrir entre o 15 e o 40 por cento dos investimentos, ou o programa re-imaxina, destinado a achegar financiamento bancario subsidiado e avalado no marco do correspondente convenio asinado polo Igape coas sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras”.
 
Con respecto ao programa re-Emprende, Javier Guerra destacou que pode apoiar investimentos impulsados por novos emprendedores con investimentos de ata 1,5 millóns de euros e que pode beneficiar non só a novos proxectos, senón tamén a proxectos de consolidación ou diversificación temperá. No que se refire ao programa re-imaxina, salientou que os préstamos contarán cun aval dunha SGR que cubrirá o 80% do importe.
 
O conselleiro de Economía e Industria tamén lembrou que o seu departamento dispón, a través das oficinas do Igape nas principais cidades de Galicia, de instrumentos preparados para facilitar a constitución telemática áxil de novas empresas baixo as formas xurídicas da Sociedade Limitada Nova Empresa (SLNE) ou da Sociedade de Responsabilidade Limitada (SRL).
 
Servizos de asesoramento
Do mesmo xeito, Javier Guerra  destacou os servizos de formación e asesoramento que achega o seu departamento mediante a sociedade do Igape BIC Galicia para facilitar a creación ou a consolidación de novas empresas. Servizos de carácter sempre gratuíto que atenderon o ano pasado a 8.380 persoas ás que se sumaron, no primeiro semestre de 2010, máis de 4.000 persoas máis.
Última actualización ( 05/10/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design