Economía e Industria apoia a internacionalización de 160 empresas mediante os encontros cos CPN PDF
A Consellería de Economía e Industria apoiou, a través do Igape, avances na internacionalización de 160 empresas galegas a través dos encontros cos Centros de Promoción de Negocios (CPN). Durante a semana pasada desenvolvéronse na sede do Instituto 340 entrevistas bilaterais. Os empresarios participantes tiveron oportunidade de facer encargos específicos e puideron recibir información sobre os mercados do seu interese e sobre as axudas e servizos do Instituto para facilitar a proxección exterior do tecido empresarial galego.
 
Santiago, 28 de marzo de 2010.- A Consellería de Economía e Industria  apoiou a 160 empresas e organizacións empresariais para que avancen nos seus procesos de internacionalización, mediante ás 340 entrevistas bilaterais que se desenvolveron no marco dos encontros cos centros de promoción de negocios (CPN) que o Igape ten no exterior, e que se celebraron entre os días 22 e 26 deste mes de marzo, na sede do Instituto en Santiago. Os directores dos centros de promoción de negocios que este organismo dependente da Consellería de Economía e Industria ten no estranxeiro recolleron encargos e prestaron servizos e información directa sobre mercados exteriores de interese para o tecido empresarial de Galicia. No encontro desenvolvido o pasado foran 130 as empresas participantes no encontro cos CPN.
 
ImageOs empresarios galegos interesados na internacionalización das súas empresas ou produtos, que cada ano son máis numerosos, tiveron así a oportunidade de obter información e asesoramento personalizados sobre os mercados dos países nos que buscan introducirse. Durante estas xornadas, cada un dos os directores dos CPN do Igape en Alemaña, Polonia, China, Xapón e Estados Unidos, desenvolveu máis de medio cento de encontros personalizados con empresarios que apostan pola internacionalización cara a eses mercados, achegando información directa e aceptando encargos que nas próximas semanas, de volta aos seus destinos, atenderán.
 
Como novidade de interese, nos encontros cos CPN deste ano, os empresarios inscritos tamén puideron recibir información especializada sobre os seguros de crédito á exportación, proporcionada por persoal enviado pola propia Compañía Española de Seguros á Exportación (Cesce). Ao mesmo tempo, os empresarios tiveron oportunidade de obter do persoal especializado do instituto información sobre as axudas e servizos de que dispón o organismo dependente da Consellería de Economía e Industria para favorecer a proxección exterior das empresas galegas.
 
Entre as empresas participantes neste encontro cos centros de promoción de negocios no exterior destacaron as de sectores ou actividades como  comercio, a fabricación de bebidas ou produtos agroalimentarios, a industria téxtil, a construción, a industria de maquinaria ou a elaboración de produtos pesqueiros, entre outras.
 
A achega de capital humano especializado ten unha importancia fundamental no complexo proceso de internacionalización empresarial; este é o motivo polo que a Consellería de Economía e Industria impulsa, a través do Igape, diversos instrumentos e liñas de apoio neste ámbito. A través dos centros de promoción de negocios que o Instituto ten no exterior, da rede de bolseiros de promoción exterior ou da rede de axentes comerciais mediadores, o Instituto pon a disposición das empresas con ambición de internacionalizarse persoal altamente cualificado para prestarlles apoio en destino para avanzar nos seus procesos de expansión exterior.
 
O Instituto que preside o conselleiro Javier Guerra vén de reforzar os seus servizos en destino contando coa incorporación de bolseiros de promoción exterior ás cidades de Shanghai, Tokio, Miami, Varsovia, Düsseldorf, Kiev, Dubai, Bogotá, Singapur, Casablanca, Sao Paulo, París, Londres, Lisboa, Santiago de Chile, México, Milán, Bos Aires, e Riga (neste caso para atender aos mercados de Letonia, e Rusia).
 
Coordinados polo Igape, e logo de superar un período de formación especializada no ámbito do comercio internacional, os bolseiros están a desenvolver o seu labor de colaboración a prol da expansión exterior das empresas galegas desde as sedes dos CPN do Instituto, desde as oficinas comerciais das embaixadas españolas ou desde as sedes de cámaras de comercio coas que o Instituto subscribiu os oportunos acordos. De xeito previo á súa recente incorporación aos seus destinos, os bolseiros foron tamén protagonistas dun encontro no que participaron representantes de 80 empresas galegas interesadas en afondar nos seus procesos de internacionalización.
Última actualización ( 26/03/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design