Economía e Industria apoia a promoción internacional do sector loxístico e do porto de Ferrol PDF
O director xeral do IGAPE, Joaquín Varela de Limia, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Angel del Real Abella, asinaron esta mañá o correspondente convenio de cooperación. O obxectivo do acordo é impulsar o sector loxístico para a captación de novas actividades e investimentos dentro da estratexia de apoio ás comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal  impulsada pola Xunta de Galicia. A cantidade máxima recollida no convenio para impulsar estas accións de promoción internacional é de 250.000 euros e cada organismo achega o 50%.
 
Ferrol, 19 febreiro 2010.- A Consellería de Economía e Industria apoia a promoción internacional do sector loxístico nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, e especialmente do porto exterior de Ferrol, no marco do convenio de colaboración que asinaron esta mañá o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Joaquín Varela de Limia de Cominges, e o presidente da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, Ángel del Real Abella. O devandito acordo ten entre os seus principais obxectivos intensificar a promoción internacional do Porto Exterior de Ferrol para contribuír á captación de novos tráficos e operadoras.
 
ImageEsta firma supón un maior impulso aos convenios de colaboración institucional que se viñeron subscribindo durante os últimos anos, e mostra o especial apoio que desde a Consellería de Economía e Industria, que dirixe Javier Guerra, se presta ao desenvolvemento da plataforma loxística ferrolá e da actividade socioeconómica da comarca.
 
O presidente da Autoridade Portuaria agradeceu expresamente a implicación da Consellería de Economía e Industria e do IGAPE neste tipo de accións “de vital importancia para a promoción exterior do Porto e a procura de investimentos e actividade”. A cantidade máxima recollida no convenio para impulsar estas accións de promoción internacional é de 250.000 euros e cada organismo achega o 50%.
 
O presidente do porto, Ángel del Real, fixo especial fincapé na importancia deste apoio, “non só pola súa achega económica, senón tamén polo respaldo que ofrecen os profesionais do IGAPE que traballan nas súas oficinas internacionais en importantes cidades do mundo”, onde o porto acode a presentar a súa oferta e estreitar lazos con navieras, operadores e potenciais clientes e investidores.
 
Pola súa banda, o director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, destacou a importancia da loxística e, especialmente, das infraestruturas portuarias, como factor determinante para a dinamización económica dun territorio como as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Tras inscribir o convenio coa Autoridade Portuaria no marco do Plan de desenvolvemento integral das comarcas de Ferrol, Eume y Ortegal ao que a Xunta quere dar un novo impulso, Varela resaltou que a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e no marco do plan re-Forza 2010, dará especial apoio ás iniciativas destinadas a favorecer a proxección exterior das empresas galegas, no marco dun eixo estratéxico, o de internacionalización, cuxos orzamentos para este ano crecen un 57% con respecto aos de 2009.
 
Eventos internacionais
O ano 2010 é de especial relevancia para o lanzamento do Porto Exterior de Ferrol. Segundo as previsións, durante a segunda metade do ano entrará en servizo a segunda fase da rada e o obxectivo da Autoridade Portuaria de Ferrol céntrase na creación dunha gran terminal de colectores a nivel internacional que dinamizará e potenciará a actividade económica e a xeración de emprego en Ferrol e as súas comarcas. Para iso será necesario este importante esforzo comercial no exterior.
 
A colaboración entre a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, e a Autoridade Portuaria, establece un plan de acción capaz de combinar a difusión e presentación das calidades de Ferrol en eventos loxísticos internacionais, coas visitas ás principais navieras e operadores portuarios potencialmente interesados no Porto Exterior ferrolán.
 
Durante o actual exercicio desenvolveranse actividades orientadas á promoción exterior do sector loxístico ferrolán e da nova terminal exterior, pero sen esquecer as accións de apoio aos tráficos existentes e á captación de investimentos. A difusión das axudas dispoñibles en colaboración co IGAPE é un aspecto crave.
 
Como mostra dos eventos nos que se vai a participar este ano cabe citar a feira Seatrade de Miami, referente mundial en tráficos de cruceiros, a SITL Europe de París, importante evento loxístico do vello continente ou a Intermodal Southamerica de Sao Paulo, referente de tráficos de colectores en América latina.
Última actualización ( 22/02/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design