| Economía e Industria apoia o proxecto Navuxil, que integra a atención a nenos, mozos e maiores |
|
|
O investimento, cifrado en 1,4 millóns de euros, crea 25 postos de traballo e foi apoiado polo Instituto Galego de Promoción Económica. O obxectivo dos impulsores é facilitar as relacións entre diferentes xeneracións favorecendo sinerxias entre as tres actividades para procurar mellores e maiores efectos pedagóxicos e terapéuticos en cada un dos colectivos. A través do Igape, Xesgalicia e BIC Galicia a Consellería que dirixe Javier Guerra dispón dun amplo e variado abano de servizos e apoios para favorecer o emprendemento.
Santiago, 18 de setembro de 2009.- A Consellería de Economía e Industria apoiou, a través da liña de axudas para emprendedores que xestiona o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a posta en marcha do proxecto Navuxil, unha iniciativa innovadora que integra unha escola infantil para nenos de 0 a 3 anos, unha academia para a formación de mozos e adultos e un centro de día para persoas maiores nun mesmo edificio situado en O Porriño. O centro foi inaugurado hoxe, nun acto que estivo presidido polo director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, quen destacou que é unha iniciativa emprendedora singular porque aposta por unha actividade tan clásica como impresindible na actualidade, a dos servizos sociais para atender a persoas maiores, pero desde unha perspectiva altamente innovadora e integradora.
Impulsado polos emprendedores Cristina Francés Nieto e Rafael Louzán Sío, o centro Navuxil integra unha escola infantil con 74 prazas, unha academia para formación de mozos e un centro de día con capacidade para atender a 50 persoas mayores. Para apoiar este investimento, cifrado en 1,4 millóns de euros, o Igape concedeu no seu día unha subvención de 291.190 euros. Este novidoso proxecto empresarial contempla a creación de 25 postos de traballo.O obxectivo dos promotores deste innovador centro e favorecer, na medida do posible, as relacións interxeneracionais, coa organización de actos nos que poidan participar os diferentes colectivos atendidos, xenerando sinerxias entre as tres actividades para procurar mellores e maiores efectos pedagóxicos e terapéuticos en cada un dos colectivos, a través da permeabilidade das distintas accións. Prevese que o centro sirva como elemento aglutinador de servizos sociais, tanto para os veciños de Porriño como para persoas que traballan nese concello.
Como centro de día para maiores, Navuxil vai prestar atención a persoas con dependencia física e/ou psíquica ou con risco de padecela con horarios flexibles adaptados ás necesidades das familias. Entre os obxectivos do centro están os de mellorar a calidade de vida dos usuarios, fomentar a autonomía persoal e potenciar as relacións persoais e a permanencia no seu entorno habitual. Para iso conta con sala de psicoestimulación, ximnasio, baños xeriátricos e servizos de enfermería e fisioterapia, entre outros.
O centro é innovador tamén en canto ao seu deseño estrutural, nun único nivel e adecuado para facilitar a permeabilidade entre as diferentes actividades. Ademais, inclúe innovacións que revelan o compromiso coa sostibilidade ambiental, como a xeneración de auga quente mediante paneles solares.
O Igape cos emprendedores
A través do Igape, Xesgalicia e BIC Galicia, a Consellería de Economía e Industria dispón dun amplo e completo abano de servizos, instrumentos e apoios financieros preparados para procurar atender as especificidades e necesidades dos diferentes proxectos empresariais impulsados por novos emprendedores ou por empresarios que desexan innovar e apostar por novos ámbitos de actividade.
Así, BIC Galicia ofrece un completo repertorio de posibilidades de formación e asesoramento gratuítos, así como outros instrumentos para facilitar o deseño de plans de negocio, para respaldar a posta en marcha de novas empresas ou para apoiar a consolidación de novos proxectos empresariais.
O Igape, pola súa parte, dispón de axudas financieras variadas para poder atender ás diversas especificidades e necesidades das empresas existentes e dos novos proxectos empresariais. En concerto coas entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca, o Instituto dispón de liñas de microcréditos ou préstamos avalados e subsidiados para apoiar investimentos. Tamén facilita a obtención de créditos para financiar circulante, ben facéndose cargo dos custos financeiros, ben mediante a achega de garantías, e oferta subvencións a fondo perdido para fomentar a aparición de empresas promovidas por novos emprendedores, apoiando os seus investimentos en obra civil, bens de equipo ou inmobilizado inmaterial, entre outros conceptos.
A sociedade xestora de fondos de capital risco da Xunta, Xesgalicia, tamén dispón de instrumentos especializados para apoiar ós emprendedores, ben mediante o fondo Emprende, destinado a investimentos en sociedades de nova creación, novas tecnoloxías, emprendedores ou proxectos de diversificación; ou ben mediante o fondo Semente, para proxectos de desenvolvemento tecnolóxico.
Invitación ao empresariado
A Consellería de Economía e Industria reitera a súa invitación aos empresarios e emprendedores a presentar os seus proxectos para poder apoialos dende o Igape, un Instituto que ten acelerado a resposta ás solicitudes de axuda que lle chegan para cumprir co compromiso de axilizar e desburocratizar o seu funcionamento para convertirse nunha ferramenta útil para o empresariado.
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, ten manifestado en varias ocasións que este é un bo momento para facer investimentos, e anima a todos os representantes do tecido produtivo galego a aproveitar as oportunidades do actual contexto económico, porque a Xunta de Galicia ten cartos dispoñibles para apoiar e financiar novas iniciativas empresariais que axuden a mellorar a economía galega.
O obxectivo conxunto das sociedades dependentes da Consellería de Economía e Industria é promover a actividade emprendedora en todas as fases e procurar que ningún proxecto empresarial viable deixe de poñerse en marcha por falta de servizos ou apoios adecuados. |
|
| Última actualización ( 19/09/2009 ) |


Impulsado polos emprendedores Cristina Francés Nieto e Rafael Louzán Sío, o centro Navuxil integra unha escola infantil con 74 prazas, unha academia para formación de mozos e un centro de día con capacidade para atender a 50 persoas mayores. Para apoiar este investimento, cifrado en 1,4 millóns de euros, o Igape concedeu no seu día unha subvención de 291.190 euros. Este novidoso proxecto empresarial contempla a creación de 25 postos de traballo.