| Economía e Industria apoia os investimentos das pemes para dinamizar o tecido produtivo de Galicia |
|
|
O departamento que dirixe Javier Guerra mantén abertas as liñas do Plan re-imaXina e do plan conveniado co ICO para facilitar o acceso ao crédito aos emprendedores para que poidan impulsar novos investimentos. Os préstamos englobados no Plan re-imaXina, por un importe global de ata 15 millóns de euros, contarán co aval dunha sociedade de garantía recíproca que cubrirá o 80% do importe e as entidades financeiras non poderán requirir máis garantías adicionais que as persoais dos promotores da actividade empresarial.
Santiago, 26 de setembro de 2009.- A Consellería de Economía e Industria, que onte mesmo asinaba coas entidades financieiras e as sociedades de garantía recíproca os convenios que permitirán habilitar o maior plan de avais da historia de Galicia para mobilizar 400 millóns de euros en novas operacións de financiamento para as empresas, mantén aberto o prazo de solicitudes para optar ás axudas englobadas no Plan re-imaXina e na liña conveniada co ICO.
O Plan re-imaXina, xestionado a través do Instituto Galego de Promoción Económica e que mantén aberto o prazo de solicitudes ata o 30 de decembro, habilita préstamos subsidiados e avalados para apoiar o financiamento dos investimentos impulsados por novas pemes, para pemes que queren medrar ou renovarse para mellorar en competitividade ou para microempresas galegas. Esta iniciativa facilita a concesión polas entidades financeiras de préstamos por importe máximo global de 15 millóns de euros, eliminando dous dos atrancos que adoitan dificultar o acceso das empresas de menos dimensión microempresas, autónomos e emprendedores- ao financiamento, as garantías e os custos de xestión. O xuro efectivo para os beneficiarios destes préstamos avalados roldará o 3%.
Para apoiar investimentos de maior contía ou aqueles onde a achega das garantías non sexan dificultade engadida, o Igape manten aberta a liña conveniada co ICO ata o 21 de febreiro de 2010, na que os préstamos subsidiados poden alcanzar os 6 millóns de euros.
As microempresas e pemes beneficiarias do re-imaXina, o programa de apoio impulsado polo Instituto que preside o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, poderán dispoñer de préstamos que contarán co aval dunha SGR polo 80% do importe do financiamento. Nin as entidades financeiras nin as SGR poderán requirir dos solicitantes máis garantías adicionais que as persoais dos promotores da actividade empresarial. Os beneficiarios tampouco deberán pagar á entidade financeira ou SGR correspondente ningún outro custo derivados da operación acollida a esta liña.
As achegas do Igape fan posible que os xuros dos préstamos concedidos polas entidades financeiras ao amparo deste programa sexan fixos, do 3,14%, no caso dos destinados a microempresas. Os préstamos para novas pemes e pemes competitivas serán variables e estarán referenciados ao euríbor a seis meses; en 2009, o xuro efectivo dos préstamos concedidos nestas dúas liñas será do 2,98%.
Os préstamos concedidos ao abeiro destas bases e no marco do correspondente convenio que o Igape asinou coas entidades financeiras adheridas e as sociedades de garantía recíproca que operan en Galicia terán un prazo de amortización de ata 5 anos, no caso da liña para as microempresas, e de 5 a 7 anos nos concedidos nas liñas para novas pemes e pemes competitivas. En todos os casos, os prazos poderán incluir ata 1 ano de carencia na amortización do capital.
Liña Igape-ICO
Do mesmo xeito, habilitar unha liña de financiamento axeitada para apoiar a microempresas e pequenas e medianas empresas que promovan investimentos na Comunidade Autónoma de Galicia, ou no estranxeiro, mediante algunha das liñas do Instituto de Crédito Oficial de apoio a empresa (ICO 2009), é tamén o obxectivo que busca o Igape mediante as bases reguladoras correspondentes. Esta liña ten como potenciais beneficiarios a emprendedores, microempresas ou pemes que formalicen operacións de crédito con cargo a algunha das catro liñas ICO 2009 de apoio á empresa: Peme, Crecemento, Emprendedores ou Internacionalización, por un importe que pode chegar ata os 6 millóns de euros e que cumpran coas condicións específicas establecidas nas bases reguladoras e no convenio correspondente. O apoio achegado polo Igape consiste na subsidiación ao xuro dos préstamos ou contratos de leasing concedidos polas entidades financeiras ao abeiro deste programa.
No marco da liña Peme, para investimentos en Galicia, poderán concederse préstamos de ata 1,5 millóns de euros. Esta contía máxima é tamén a establecida para prestamos na Liña Internacionalización, destinada a apoiar investimentos de empresas galegas fóra de España. Na liña Crecemento, tamén para apoiar investimentos en Galicia, os préstamos subsidiados poderán chegar ata 6 millóns de euros. E, finalmente, na liña Emprendedores, para microempresas constituidas a partir del 1 de xaneiro de 2008 ou ben profesionais que se dean de alta no IAE dende esa data, os préstamos subvencionados poderán ser de ata 200.000 euros.
A subsidiación das operacións de préstamo/leasing acollidas a este convenio será, con carácter xeral, de 0,65 puntos. No caso de investimentos en localizacións preferentes (os 262 concellos de dinamización prioritaria, de acordo co Plan de Reequilibrio Territorial) a subsidiación será de 2,65 puntos. No caso de que a operación fose avalada por unha SGR, a comisión do aval financeiro prestado, poderá ser integramente subvencionada polo Igape, sempre que non fose asumido dito coste polo ICO.
|
|
| Última actualización ( 01/10/2009 ) |


