| Economía e Industria apoiará a promoción dos produtos agroalimentarios galegos na India |
|
|
O Igape participará no Plan India co obxecto de facilitar a entrada dos produtos agroalimentarios galegos nese mercado asiático. O Plan poderá beneficiar a empresas produtoras de viño, queixos, conservas, peixe conxelado, bebidas ou produtos cárnicos, entre outros. O plan de promoción, para 2010, poderá ser prorrogado para desenvolver accións ata 2012.
Santiago 30 de xaneiro de 2010.- A promoción de produtos agroalimentarios galegos na India é o obxectivo do convenio de colaboración que ven de aprobar o Consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que preside o conselleiro Javier Guerra. A iniciativa está enmarcada nun amplo acordo no se comprometen tamén o Instituto de Comercio Exterior (ICEX), o Ministerio de Medio Ambiente e Medio Rural e Marino, A Federación de Industrias de Alimentación e Bebidas (FIAB) e as diferentes axencias de desenvolvemento rexional de España, entre as que se encontra o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria.
As accións de promoción impulsaranse ao abeiro do convenio nun amplo marco de colaboración que ten por obxecto desenvolver un detallado plan de promoción de produtos agroalimentarios na India durante o ano 2010, coa idea de que a iniciativa sirva para aumentar o coñecemento da oferta exportable galega e española nese país, para fomentar e incrementar o consumo integrándoo na cultura india, para potenciar as relacións comerciais entre a nosa industria alimenticia e os operadores comerciais indios e, en definitiva, para mellorar nun medio prazo as exportacións a India. O acordo de colaboración poderá ser prorrogado ata 2012.
O plan de promoción de produtos agroalimentarios na India inclúe actividades de información en orixe e en destino, así como accións de promoción directa. Neste marco de colaboración haberá, en orixe, accións de divulgación do Informe Estratéxico Plan India 2010-2012 que elaborou a FIAB, actualización de bases de importadores e distribuidores, boletíns informativos sobre novas de interese en relación con ese mercado e accións de asesoramento personalizado. Entre as actividades de información en destino, o Plan India incluirá a promoción da web Foods from Spain, un catálogo promocional de produtos, un directorio de marcas e importadores, ou a promoción de pavillóns en feiras internacionais. Entre outras accións de promoción está previsto organizar unha misión inversa para o sector da distribución.
As empresas agroalimentarias galegas interesadas no mercado da India poderán dirixirse ao Igape para acollerse, proximamente, a esta nova iniciativa de promoción internacional que segue os pasos do Plan China, que durante os últimos anos facilitou a entrada de numerosas empresas galegas nese mercado, tamén da man do Centro de Promoción de Negocios (CPN) que ten o Igape con sede Shanghai.
No marco do Plan India haberá actividades de promoción para tres grupos diferenciados de empresas agroalimentarias. Un grupo inclúe, entre outros, as de produtos como queixos, produtos cárnicos, viños, peixe conxelado, froitas e verduras en conserva; haberá, a este respecto, e de forma diferenciada, accións sectoriais directas para marcas non presentes na India e para marcas que xa conten con distribuidor nese país.
Para un segundo grupo, integrado por produtos como peixe en conserva, auga, cervexa, froitas e verduras, haberá a través do Plan India accións de información e captación para a participación en accións agrupadas e sectoriais. Un terceiro grupo de actuación estará centrado na promoción de aceites de oliva e olivas, con accións en orixe como unha misión inversa de xornalistas e accións en destino como seminarios de cata. |
|
| Última actualización ( 29/01/2010 ) |


