Economía e Industria apoiará a promoción internacional do sector loxístico e do porto de Ferrol PDF
O ano 2010 será fundamental para a promoción loxística das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, que se impulsa en colaboración coa Autoridade Portuaria, pola culminación das infraestruturas do novo porto exterior de Ferrol. Haberá unha trintena de accións promocionais en lugares como Singapur, Hong-Kong, Taiwán, Miami, París, Brasil, Reino Unido, Alemaña, Corea, Xapón, India, México ou Dubai, entre outros. O orzamento para impulsar as actividades previstas no marco do plan promocional para este ano ascende a 250.000 euros, dos que o Igape achegará a metade, un máximo de 125.000 euros.
 
Santiago 1 de febreiro de 2010.- Intensificar a promoción internacional do porto exterior de Ferrol para contribuir á captación de novos tráficos e grandes operadoras navieiras é o obxectivo do convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao que vén de aprobar o consello de dirección do Instituto que preside o conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra. Esta iniciativa enmárcase dentro das actuacións impulsadas ao amparo do Plan especial de dinamización económica das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, no que o sector loxístico destaca como unha das actividades a desenvolver na zona. O orzamento para impulsar as actividades previstas en 2010 no marco deste plan promocional ascende a 250.000 euros, dos que o Igape achegará a metade, un máximo de 125.000 euros.
 
O ano 2010 considérase fundamental para o lanzamento do porto exterior de Ferrol, pola culminación e posta en servizo da segunda fase desta infraestrutura, que ademais liberará novos espazos. O obxectivo é lograr que se estableza unha gran terminal de colectores de nivel internacional no puerto exterior, o que será un fito de gran trascendencia que contribuirá de xeito fundamental ao crecemento da actividade económica e a xeración de emprego en Ferrol e as súas comarcas, e no resto de Galicia. O convenio entre o Igape e a APFSC terá no 2010 o seu punto de maior esforzo comercial, e combinará a difusión e presentación en eventos loxísticos internacionais coa visita ás principais navieras e terminalistas internacionais e coa esperada recepción de visitas de representantes das interesadas.
 
Entre as accións previstas para este ano inclúense misións comerciais a lugares como Singapur, Hong-Kong, Taiwán, Miami, París, Brasil, Reino Unido, Alemaña, Corea, Xapón, India, México ou Dubai, entre outros. Tamén se prevén misións inversas de cruceiros, contedores ou ferris para o transporte de vehículos (RoRo). En total, incluíndo, as xornadas técnicas internacionais, prevese o desenvolvemento de máis dunha trintena de actividades orientadas á promoción exterior do sector loxístico ferrolán en xeral e, en concreto, do porto exterior de Ferrol.
 
O obxectivo de contribuír de maior xeito, desde o porto, á dinamización da zona coa atracción de tráficos de cruceiros, nun ano especial pola celebración do Xacobeo e do Centenario da Autoridade Portuaria, fai que se prevean tamén maiores esforzos comerciais neste ámbito da actividade loxística. Por iso, o acordo inclúe ademais a organización de Xornadas Técnicas Internacionais que se prevé acheguen un novo elemento de atracción e difusión do Porto e do Plan Ferrol. En consonancia cos obxectivos do Plan Ferrol, quérese facer un esforzo maior na colaboración do Porto e do seu esforzo comercial na consecución da atracción de investimentos que se implanten no chan loxístico e industrial das comarcas e que xeren actividade e emprego.
 
Durante o pasado ano desenvolvéronse en total trece eventos internacionais orientados á promoción loxística de Ferrolterra, no marco do convenio asinado polo Igape e a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao.
Última actualización ( 19/02/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design