Economía e Industria autorizou polo de agora máis de 1.800 operacións co plan re-Móblate Galicia PDF
Os obxectivos básicos deste programa son incentivar a demanda de mobiliario en madeira e manter o emprego nun sector estratéxico para a economía de Galicia. O importe medio das operacións de compra de mobles cubertas por este programa está a ser de 1.900 euros. Xa son 135 os comercios adheridos como entidades colaboradoras, ademais de 69 fabricantes. O programa está consensuado co sector, que se compromete a facer descontos equiparables ás subvencións do Igape para acadar apoios conxuntos de ata 600  euros por beneficiario.
 
Santiago, 6 de decembro de 2010.- A consellería de Economía e Industria xa autorizou máis de 1.800 operacións amparadas polo Plan re-Móblate, en vigor desde o pasado día 10 e que pretende mobilizar vendas por valor de 30 millóns de euros. Polo de agora son 135 establecementos comerciais adheridos ao Plan re-Móblate como entidades colaboradoras , e hai outros 36 en trámite de adhesión ao programa. O número de fabricantes adheridos ata o momento é de 69. A venda media formalizada durante estas primeiras semanas ten un importe de 1.900 euros.
 
A Consellería que dirixe Javier Guerra, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, destina  2 millóns de euros a incentivar as vendas de mobles de madeira e colchóns, de acordo co previsto no Plan re-Móblate Galicia, que está consensuado co sector a través da Federación Galega de Empresas do Moble, logo de avaliar outras iniciativas de estímulo da demanda impulsadas, dentro deste sector, noutras comunidades autónomas. As bases publicadas o pasado 3 de novembro no DOG constitúen un incentivo temporal á demanda axeitado á estrutura de produción de Galicia, para incentivar a demanda de mobiliario para o fogar co obxectivo de dinamizar o sector e manter o emprego.
 
As operacións subvencionables –compra dun ou varios mobles- terán un importe mínimo de 600 euros e o máximo será de 4.000 euros. A axuda resultante para o comprador  dos bens obxecto do Programa re-Móblate poderá chegar ata 600 euros, nunha ou varias operacións de compra, sumando a subvención do Igape e o compromiso de desconto que asumen conxuntamente fabricantes e vendedores para favorecer un maior estímulo da demanda.
 
Son entidades colaboradoras os establecementos de venda de mobiliario de madeira para o fogar ou colchóns pertencentes á categoría de Peme con personalidade xurídica propia –incluídos autónomos- con centro  de actividade do establecemento en Galicia, e que se adhiran formalmente ao programa. As entidades colaboradoras comprométense a efectuar os descontos previstos nas bases reguladoras, tanto o correspondente a fabricantes-vendedores como a subvención que lle corresponde achegar á Consellería de Economía e Industria a través do Igape. A adhesión das entidades colaboradoras deberá formalizarse na web do igape a través da dirección http://www.igape.es/plan-re-moblate.html.
 
Son subvencionables ao amparo desta liña de apoio as operacións de compras de mobiliario de madeira para o fogar ou colchóns realizadas nunha entidade colaboradora (establecemento de venda) e fabricados por unha empresa de fabricación adherida que se formalicen no prazo previsto nas bases.
 
A cadea industrial da madeira é un dos sectores estratéxicos en Galicia. Logo de avaliar a incidencia positiva do re-Móvete comercial nas vendas de coches en Galicia, e despois de avaliar tamén programas de incentivos á venda de mobles elaborados noutros territorios, a Consellería de Economía e Industria decidiu lanzar, de xeito acordado cos representantes dos establecementos de venda de mobiliario en Galicia, o Plan Remóblate Galicia 2010, un incentivo de carácter temporal para estimular as vendas de mobles de madeira para o fogar.
Última actualización ( 20/12/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design