Economía e Industria convoca a 750 pemes para que melloren a súa competitividade co proxecto Medra PDF
As presentacións do novo proxecto, desenvolvido pola sociedade do Igape BIC Galicia, en colaboración coa Fundación para o Fomento da Calidade e o Desenvolvemento Tecnolóxico, celebraranse ata fin de ano nas principais cidades galegas. O proxecto Medra ten como obxectivo facilitar aos xestores de novas pemes, de xeito gratuíto, as habilidades e capacidades necesarias para sortear a crise, reforzarse no mercado e medrar de xeito sostido.
 
Santiago, 13 de novembro de 2010.-A Consellería de Economía e Industria prevé achegar a 750 pemes galegas creadas nos últimos anos as posibilidades de consolidación e crecemento que poden acadar mediante o novo proxecto Medra, que hoxe foi presentado en roda de prensa polo director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Joaquín Varela de Limia, e por María Teresa Cancelo, directora de BIC Galicia, a sociedade que desenvolve a iniciativa, contando coa colaboración da Fundación para o Fomento da Calidade e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galicia. O proxecto Medra ten como obxectivo fundamental o de facilitar aos xestores de novas pemes, de xeito gratuíto, as habilidades e capacidades necesarias para sortear a crise, reforzarse no mercado e medrar de xeito sostido.
 
ImageDurante a presentación do Proxecto Medra, o director xeral do Igape, Joaquín Varela, salientou que a Consellería de Economía e Industria está a impulsar a mellora da competitividade das pemes galegas mediante apoios financeiros regulados a través de diferentes convocatorias de axuda do Instituto ou mediante accións de formación e asesoramento, das que se ocupa principalmente BIC Galicia. No caso do proxecto Medra, tamén colabora a Fundación para o Fomento da Calidad, que se ocupa, entre outras funcións, da selección das empresas convocadas; as sociedades obxectivo pertencen aos sectores de servizos (52%), industria (23%), construción (22%) e primario (3%); son, en todos os casos, pemes de non máis de catro anos de existencia e cun mínimo de 5 traballadores.
 
María Teresa Cancelo destacou que mediante o Proxecto Medra BIC Galicia achegará apoio continuado a empresas de recente creación para que poidan mellorar a súa capacidade competitiva e consolidarse no mercado como sociedades xeradoras de riqueza e emprego. Á parte das máis de 700 empresas que se prevé participen nas sesións de concienciación sobre a necesidade de incrementar a competitividade que se desenvolverán durante as próximas semanas, unhas 30 empresas poderán beneficiarse da implantación directa do Proxecto Medra.
 
O proxecto Medra vai dirixido tanto a empresas en fase de nacemento como a pemes que se atopan na fase de consolidación –ata 4 anos de existencia- e basease nunha estratexia de formación vinculada á acción para propiciar un cambio e melloras sustentables nas novas empresas; o proxecto contemplará as necesidades específicas de cada empresa, atendendo ao principio de personalización. Durante as próximas semanas, as presentacións do proxecto aos empresarios interesados desenvolveranse en Santiago (15 de novembro), A Coruña (17), Vigo (22), Ferrol (23), Pontevedra (día 24) Lugo (25 de novembro),  e Ourense (2 de decembro).
 
O desenvolvemento do Proxecto Medra inclúe unha primeira fase de auto-diagsnóstico asistido por consultores facilitadores para coñecer a tipificar as características xerais da empresa interesada; unha segunda fase consistirá na elaboración dunha visión de futuro onde se define o proxecto futuro da empresa; a terceira fase acollerá diferentes itinerarios de formación-acción onde os xestores das empresas participantes, asistidos por titores, poderán avanzar en ámbitos como a profesionalización, desenvolvemento e expansión comercial, innovación ou internacionalización dos seus proxectos empresariais; e a cuarta etapa, a de aplicación, consistirá na impartición da formación e das accións de consultoría correspondentes aos itinerarios escollidos.
Last Updated ( Monday, 15 November 2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design