| Economía e Industria destina 37 millóns de euros a apoiar novos investimentos empresariais |
|
|
A Xunta de Galicia prevé consolidar deste xeito o repunte dos investimentos empresariais detectado nos cinco primeiros meses deste ano, nos que se recibiron no Igape 38 proxectos de grandes investimentos que contemplan investimentos por importe de case 300 millóns de euros, un 1.373% máis que no mesmo período de 2009. O Consello da Xunta autorizou o anticipo sen aval do 50% das subvencións concedidas. Deste xeito, o departamento que dirixe o conselleiro Javier Guerra procura superar os problemas que adoitan ter os empresarios para acadar o financiamento necesario para os seus proxectos de investimento.
Santiago, 15 de xullo de 2010.- A Consellería de Economía e Industria destina un orzamento de 37 millóns de euros, case un 6% máis que na anterior convocatoria, a apoiar os grandes investimentos empresariais ao abeiro da convocatoria correspondente a 2010, no marco dunhas bases que se publicarán proximamente e que inclúen como principal novidade o pre financiamento dos proxectos mediante o anticipo sen aval do 50% da anualidade das subvencións a fondo perdido concedidas, así como pagamentos parciais, segundo vén de autorizar hoxe o Consello da Xunta de Galicia.
As bases de apoio aos proxectos de investimento empresarial, xestionadas a través do Instituto Galego de Promoción Económica, servirán para crear 1.000 novos postos de traballo e consolidar máis de 8.000 xa existentes, ademais de impulsar o repunte dos investimentos detectado nos cinco primeiros meses deste ano, nos que se recibiron 38 proxectos de grandes investimentos, fronte aos 5 do mesmo período do ano anterior (760% máis) que contemplan investimentos por importe de case 300 millóns de euros, un 1.373% máis que no mesmo período de 2009.
Promover a dinamización da economía galega mediante os investimentos e a creación de emprego son os obxectivos fundamentais das bases reguladoras das axudas do Igape aos proxectos de investimento empresarial. Neste marco, os promotores de investimento empresariais en Galicia poderán pre financiar os seus proxectos accedendo a anticipos sen aval que cubrirán ata o 50% da anualidade da subvención concedida, segundo o acordo ratificado polo Consello da Xunta de Galicia.
Anticipos sen aval
O pre financiamento de proxectos mediante anticipos e pagos a conta sen necesidade de que os promotores dos investimentos acheguen aval é especialmente importante en momentos de restrición dos mercados financeiros, cando os empresarios teñen dificultades para acceder a financiamento para as súas iniciativas e mesmo poden verse obrigados a renunciar aos seus proxectos por non poderen presentar garantías diante das administracións públicas ou das entidades financeiras. Co acordo mediante o que o Consello autoriza a concesión de anticipos do 50% das axudas sen aval preténdese que ningún proxecto viable de investimento empresarial quede sen desenvolver por falta do financiamento axeitado.
Ao abeiro deste marco de apoio, serán en xeral subvencionables os investimentos empresariais a partir de 500.000 euros. Nas zonas amparadas polos plans Impulsa -as provincias de Lugo e Ourense-, e nas comarcas con marcos de apoio de especial intensidade Ferrol e Costa da Morte- serán apoiables proxectos a partir de 200.000 euros de investimento. Nestas áreas de especial dinamización, Economía e Industria garante ademais subvencións mínimas do 20% para proxectos de nova implantación en Galicia e do 15% para proxectos de ampliación, modernización ou innovación de instalacións xa existentes. A dotación orzamentaria para a convocatoria 2010, por un total de 37 millóns de euros ampliables-, supera nun 5,7% a prevista da convocatoria anterior.
Os proxectos de investimento empresarial apoiables neste marco de axudas estarán orientados a creación de novos establecementos industriais, ou ben á ampliación ou modernización de instalacións preexistentes. Os proxectos poderán estar vinculados a actividades industriais en xeral, a turismo, a transporte e loxística, a servizos de apoio industrial, a actividades de tecnoloxía avanzada ou a investimentos en centros de desenvolvemento, investigación, etc.
Servizos avanzados
No marco das bases reguladoras das axudas do Igape a proxectos de investimento empresarial serán tamén subvencionables proxectos de servizos avanzados intensivos en emprego, proxectos innovadores con investimentos mínimos de 200.000 euros que leven asociada a creación de polo menos 10 postos de traballo indefinidos. Serán apoiables neste ámbito, entre outras actuacións, a implantación de sistemas tecnolóxicos, enxeñería de produtos ou procesos industriais ou centros de desenvolvemento de software.
Afianzar os investimentos
Con estas bases de apoio, a Consellería de Economía e Industria prevé afianzar o repunte dos investimentos empresariais detectado nos cinco primeiros meses deste ano, cando o Igape recibiu 38 grandes proxectos, por tan só 5 do mesmo período do ano anterior. Os investimentos recibidos nese período suman 294 millóns de euros fronte aos 21,4 millóns recibidos nos cinco primeiros meses do ano pasado (un 1.376% máis). |
|
| Last Updated ( Wednesday, 06 October 2010 ) |


