| Economía e Industria dinamiza a internacionalización empresarial cun encontro con axentes mediadores |
|
|
A iniciativa, que se desenvolverá entre os días 18 e 20 de xaneiro, facilita o contacto directo das empresas galegas con especialistas en comercio internacional cualificados para os mercados máis dinámicos do mundo. A través do Igape, A Consellería que dirixe Javier Guerra organiza tamén, o día 19, un encontro sobre o mercado de India e as posibilidades que poden atopar nel os produtos galegos, especialmente os agroalimentarios.
Santiago, 16 de xaneiro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria promove, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, un Punto de encontro con Axentes Comerciais Mediadores no exterior que se desenvolverá na sede no Instituto entre os días 18 e 20 deste mes de xaneiro, co obxecto de facilitar os avances das empresas galegas nos seus procesos de internacionalización, mediante entrevistas concertadas con especialistas de comercio internacional expertos en mercados de interese para Galicia. Por outra banda, o Instituto presidido por Javier Guerra organiza, o próximo día 19, un encontro empresarial orientado a facilitar a penetración dos produtos galegos, en especial os agroalimentarios, no mercado de India.
Para que Galicia poida retomar a senda do crecemento económico, a internacionalización empresarial non é unha opción; é unha necesidade. Por iso a Consellería de Economía e Industria segue a incrementar en 2011, a través do Igape, os orzamentos destinados a este eixo estratéxico. Segundo o director xeral do Igape, Joaquín Varela, ademais dos servizos e das axudas que se convocarán en próximos días, consideramos fundamental que os empresarios conten co asesoramento dos especialistas en cada mercado de interese para a economía galega. A seu xuízo, o coñecemento previo dos mercados é fundamental para poder asegurar a internacionalización dos nosos produtos. Por iso organizamos o punto de encontro cos axentes mediadores no exterior. E por iso organizamos tamén xornadas como a centrada na promoción de productos agroalimentarios en India.
Os Axentes Comerciais Mediadores son especialistas cualificados para diferentes mercados internacionais logo de contrastar o Igape a súa experiencia no ámbito do comercio e os negocios globais. Son expertos en comercio exterior, canles de distribución e servizos á internacionalización, e actúan por conta propia e con independencia do Instituto, que facilita o seu encontro cos empresarios galegos interesados en iniciar ou desenvolver os seus procesos de internacionalización.
Os Axentes Comerciais Mediadores que acudirán a este punto de encontro, e cos que as empresas galegas aínda poden solicitar entrevistas a través da páxina www.xornadas.igape.es , pertencen a 15 firmas consultoras cualificadas para mercados tan diversos como Alemaña, Bélxica, China, Estados Unidos, Francia, México, Polonia, República Checa, Suecia, Xapón; Brasil, Marrocos, Portugal, Reino Unido, Romania, Venezuela, Arxentina, Perú, Ecuador, Colombia, Italia, Eslovaquia, Letonia, Canadá, Bulgaria, Rusia, Ucrania ou India. As entrevistas, de 30 minutos, serán privadas.
Ademais, se así o solicitan, as empresas que acudan a este encontro cos axentes comerciais mediadores tamén poderán recibir información detallada sobre as novas axudas do Igape para favorecer a internacionalización das empresas en 2011, que serán publicadas en datas próximas, así como sobre todos os servizos de apoio que presta o instituto neste ámbito.
Por outra banda, o Igape organiza unha xornada para a presentación do Plan India de Alimentación e Bebidas 2010-2012 e para achegar, ao mesmo tempo, información sobre os apoios Igape á internacionalización en 2011. Este encontro desenvolverase no salón de actos da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), na rúa do Vilar, 54, o próximo mércores, 19 de xaneiro. Neste encontro, presentado polo director da Area de Promoción e Innovación do Igape, Alfredo Castro Moral, participará un especialista de inQuve para informar sobre as oportunidades que os produtos galegos, especialmente os agroalimentarios, poden atopar na India. As inscricións para participar neste encontro tamén se deben realizar a través da páxina www.xornadas.igape.es
Para máis información sobre estes encontros cos que o Igape pretende achegar asesoramento especializado no ámbito da internacionalización, as empresas interesadas poden chamar ós teléfonos 902 300 903 ou 981 54 11 27.
China e India
Tamén neste ámbito da internacionalización empresarial, a Consellería de Economía e Industria vén de reafirmar o seu compromiso e apoio á promoción de produtos agroalimentarios galegos nos mercados de China e India, no marco dos respectivos plans de impulso das exportacións nos que o Goberno galego colabora con diferentes organismos de promoción exterior.
No desenvolvemento da estratexia de apoio a internacionalización e competitividade impulsada pola Consellería de Economía e Industria, o Igape reafirmou, para 2011, o seu compromiso cos convenios de colaboración interinstitucional orientados ao artellamento dos respectivos plans de promoción de produtos agroalimentarios en China e na India. Deste xeito, o departamento de Javier Guerra quere potenciar as relacións comerciais entre a industria alimentaria galega e os operadores comerciais chinos e indios, coa finalidade de mellorar no medio prazo as exportacións a ambos países, en virtude duns acordos de colaboración que poderán ser prorrogados ata 2012. |
|
| Última actualización ( 20/01/2011 ) |


