| Economía e Industria financia a liña específica para axilizar os cobros das pemes produtoras de uva |
|
|
Este mecanismo financeiro habilitado mediante convenio do Igape coas entidades financeiras, facilítalles ás pemes produtoras de uva, directamente ou a través das súas asociacións, o financiamento da venda das súas produccións. A liña de financiamento poderá axilizar o pagamento de operacións de compra de uva por un importe global máximo de 15 millóns de euros. O prazo para a presentación de solicitudes rematará o próximo 15 de abril.
Santiago, 12 de xaneiro de 2010.- A través do Instituto Galego de Promoción Económica, a Consellería de Economía e Industria destina unha partida de 630.180 euros á liña de financiamento específica habilitada mediante o correspondente convenio coas entidades financeiras e destinada a axilizar os cobros do importe das súas colleitas polas pemes produtoras de uva. Esta liña de financiamento poderá axilizar o pago de operacións de compra de uva por un importe global de ata 15 millóns de euros; as liñas de desconto bancario deberán destinarse a adiantar o 100% do importe das letras de cambio aceptadas, das axudas de pagamento á orde ou calquera outro documento habitualmente aceptado para o desconto ou anticipo polas entidades financeiras asinados por razón de venda de uva da última campaña. Segundo se recolle nas bases publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, o prazo para a presentación de solicitudes rematará o próximo 15 de abril.
O obxectivo desta liña financeira específica é facilitar o financiamento das canles de distribución da uva da última campaña cara aos mercados das adegas e demais industrias transformadoras, facendo posible que os produtores cobren canto antes as súas producións. Deste xeito, os produtores non teñen que soportar cargas financeiras que poderían deteriorar gravemente a súa economía; este mecanismo financeiro temén lles achega unha maior seguridade xurídica.
A liña de financiamento específica regulada polas bases publicadas hoxe constitúe un mecanismo que lles facilita ás pemes produtoras de uva, directamente ou a través das súas asociacións, o financiamento da venda das súas produccións mediante o desconto bancario de letras de cambio aceptadas e pagarés á orde asinados polos seus clientes para o pagamento de facturas emitidas dende o 1 de decembro de 2009 e o 31 de marzo de 2010; os documentos de pagamento presentados a desconto bancario deberán ter un vencemento non superior a nove meses desde a data da factura. No marco desta liña de financiamento, o Igape compensará ás entidades financeiras colaboradoras polos custos financeiros e de xestión que se deriven destas operacións.
|
|
| Última actualización ( 13/01/2010 ) |


