| Economía e Industria impulsa a continuidade de Montoto mediante un aval de 5,8 millóns de euros |
|
|
A operación aprobada polo consello de dirección do Igape permite refinanciar a 11 anos, e con 4 de carancia, a totalidade da débeda que estaba garantida polo Instituto. A medida, unida a recente concesión por Xesgalicia dun préstamo participativo, senta as bases para clarexar o futuro da firma textil. Cos apoios aprobados pola consellería que dirixe Javier Guerra danse pasos significativos para completar o desenvolvemento do plan de viabilidade.
Santiago, 18 de novembro de 2009.- O consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía e Industria, acordou conceder a Generos de Punto Montoto un aval por importe de 5,8 millóns de euros que contribúe a impulsar a continuidade da firma no futuro, ao refinanciar a 11 anos, con catro de carencia, a totalidade da débeda que a empresa tiña garantida polo Instituto.
Con esta medida de apoio financeiro, unida á recente concesión dun préstamo participativo por Xesgalicia, aprobada o pasado 4 de novembro e destinada a apoiar o plan de viabilidade que Montoto ten en marcha, dase un paso fundamental para que en datas próximas se poida proceder ao levantamento do vixente concurso de acredores e clarexar así, de forma definitiva, o futuro desta importante firma textil.
Contituida en 1983, como cristalización das actividades empresariais que viña desenvolvendo Fidel Montoto desde 1954, Generos de Punto Montoto dedícase á fabricación de prendas exteriores. Con domicilio social en Lalín (Pontevedra), onde dispón de instalacións produtivas que suman máis de 22.000 metros cadrados, a empresa está internacionalizada e dispón tamén de instalacións industriais de máis de 6.000 metros cadrados en Pleven, Bulgaria.
Os importantes investimentos realizados por este grupo empresarial nun momento previo á caída de vendas no mercado, como consecuencia da crise xeneralizada, levaron á firma téxtil a dificultades que desembocaron nunha declaración legal en concurso voluntario de acredores, segundo auto do Xulgado Mercantil nº 2 de Pontevedra, do 3 de novembro do pasado ano.
De forma previa á aprobación do novo aval do Igape, a Consellería de Economía e Industria xa dera un paso importante para posibilitar o desenvolvemento do plan de viabilidade da firma. Así, a través de XesGalicia, a sociedade xestora de fondos de capital risco da Xunta, aprobouse o pasado 4 de novembro a concesión Géneros de Punto Montoto SA dun préstamo participativo de 1,3 millóns de euros, con cargo ao Fondo Adiante. O Fondo Adiante oriéntase precisamente a empresas xa existentes que poidan estar necesitadas de apoio financeiro e de xestión para salvar unha situación temporal de dificultades ou para evitar que poidan chegar a ela.
Co refinanciamento da débeda avalada polo Igape e o apoio aprobado por Xesgalicia danse pasos especialmente significados no desenvolvemento do plan de viabilidade de Géneros de Punto Montoto que, xunto co refinanciamento de débedas, contempla accións como a adecuación do cadro de persoal, que poderá medrar de novo a medio prazo, a medida que aumente a actividade da empresa. O plan de viabilidade tamén contempla a reducción dos gastos operativos da empresa, xunto con accións comerciais encamiñadas a incorporar novas liñas de produto e mellorar as existentes. |
|
| Última actualización ( 20/11/2009 ) |


