| Economía e Industria impulsa a internacionalización cara o Reino Unido cun encontro empresarial |
|
|
As empresas que se inscriban na xornada, que se celebrará en Londres o próximo 27 de setembro, poderán contar cunha axenda de encontros bilaterais con empresas británicas. A iniciativa está especialmente orientada a compañías de sectores como o agroalimentario, construción, contract ou metal que desexen iniciar ou ampliar a súa internacionalización cara a ese potente mercado. O encontro servirá tamén para promover a atracción de investimentos a Galicia.
Santiago, 16 de setembro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, promove un encontro empresarial en Londres o vindeiro 27 de setembro co obxectivo de facilitar, en colaboración coa Confederación de Empresarios de Galicia, a internacionalización de empresas galegas cara o mercado do Reino Unido e promover Galicia como territorio axeitado para recibir investimentos estranxeiros,
Con esta iniciativa, que se desenvolverá na sede da plataforma Pexga, a Xunta prevé abrir para ás empresas galegas interesadas no mercado británico unha oportunidade estratéxica para a xeración, o desenvolvemento e o fortalecemento das alianzas comerciais entre Galicia e o Reino Unido, que poderán beneficiar e achegar valor a ambas as dúas partes.
A convocatoria está especialmente orientada a empresas de sectores como o agroalimentario, a construción, contract (equipamentos en infraestruturas de uso colectivo), o do metal ou de fabricación de novos materiais.
As empresas galegas participantes poderán coñecer en profundidade a situación actual e as posibilidades de negocio no mercado británico, a través dun relatorio pronunciado pola directora da plataforma empresarial de Galicia en Londres. As empresas inscritas manterán a continuación encontros por sectores para avaliar expectativas e posibilidades de alianzas e colaboración entre elas.
Logo dunha presentación institucional de Galicia como territorio axeitado para acoller investimentos estranxeiros, destinada especialmente ás empresas británicas participantes no encontro, desenvolveranse mesas sectoriais sobre as fortalezas e as oportunidades que abren os sectores aos que se focaliza a xornada: agroalimentario; construción-contract; e metal-novos materiais.
O encontro rematará co desenvolvemento dos encontros bilaterais programados entre empresas galegas e británicas, de acordo cos seus intereses particulares e segundo as axendas previamente preparadas conforme ás solicitudes presentadas no Igape.
As empresas galegas interesadas neste encontro empresarial poden encontrar máis información na páxina do Igape, onde tamén poderán formalizar a correspondente inscrición. |
|
| Last Updated ( Thursday, 27 September 2012 ) |


