Economía e Industria impulsa a internacionalización das empresas priorizando proxectos colectivos PDF
A partida destinada a incentivar a proxección exterior das empresas a través das bases de axudas para a internacionalización achégase aos 15 millóns de euros, cun incremento do 127% sobre o pasado ano. Entre as principais novidades das liñas de apoio neste ámbito figuran os apoios a centros de distribución compartidos por grupos de empresas e un renovado impulso ás implantacións comerciais no exterior. Javier Guerra destaca que a internacionalización é “unha oportunidade para o fortalecemento e a consolidación das empresas” e salienta que se vai promover “de xeito máis áxil, afondando nos mecanismos de cooperación empresarial”.
 
Pontevedra, 19 de abril de 2010.- A consellería de Economía e Industria destinará en 2010, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), unha partida orzamentaria de case 15 millóns de euros ao financiamento das novas axudas para a internacionalización das empresas galegas, de acordo coa convocatoria que vén de ser publicada no Diario Oficial de Galicia.
 
Durante a súa visita ao Consello Regulador da D.O Rías Baixas conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, sinalou hoxe que a partida destinada polo Igape a incentivar a proxección exterior das empresas galegas rexistra este ano un incremento do 127% sobre o exercicio pasado, “como consecuencia da prioridade concedida ao eixe estratéxico da internacionalización no marco do Plan Re-Forza 2010, que reserva 18 millóns para apoiar diferentes liñas orientadas a impulsar estratexias internacionalizadoras”.
 
O conselleiro de Economía e Industria destacou o labor deste organismo para impulsar a exportación dos viños que ampara cara a mercados tan distantes como Estados Unidos, Xapón ou China, unha tarefa que está a desempeñar, co decidido apoio do Igape e os Centros de Promoción de Negocios que o instituto ten espallados polo mundo.
 
“Rías Baixas é un bo exemplo a seguir por outras agrupacións de empresas. A cooperación entre as empresas a través de organismos intermedios e destes coa administración é fundamental para que a internacionalización sexa un éxito”, explicou Guerra Fernández.
 
Javier Guerra salientou que a internacionalización é, cada vez máis, un reto que as empresas galegas non deben nin poden eludir, que non se debe ver como unha opción voluntaria senón como “unha oportunidade para o fortalecemento e a consolidación das empresas”. Por iso, explicou,  o Igape da  especial prioridade ó eixo estratéxico destinado a promover e intensificar, dentro do seus programa de actividades e  no marco do plan re-Forza 2010, a proxección exterior das empresas e o incremento das súas exportacións. Neste ámbito, indicou, “propómonos avanzar de xeito máis áxil na internacionalización das empresas galegas, afondando nos mecanismos de cooperación empresarial” e na creación e desenvolvemento de redes de cooperación neste ámbito.
 
Centros de distribución compartidos
Entre as principais novidades das liñas de apoio á internacionalización, que acaban de ser convocadas, figuran os apoios a centros de promoción e distribución compartidos por grupos de empresas e un renovado impulso ás implantacións promocionais no exterior, no marco do Plan Primex, que promove os proxectos de carácter colectivo. Así, amplíase o papel dos organismos intermedios -asociacións empresariais, consellos reguladores e clusters- para procurar que promovan e dinamicen proxectos colectivos, como a posibilidade de impulsar iniciativas para o establecemento de centros de promoción estables no exterior para os seus asociados. Do mesmo xeito, apoiarase a asistencia técnica  ás empresas galegas nos mercados de destino, así como a presenza en feiras internacionais e en mercados dutty free.
 
O obxectivo das bases presentadas hoxe é facilitar a internacionalización da empresa galega non exportadora ou con escasa internacionalización e apoiar a empresas internacionalizadas para que non só non perdan a súa presenza nos mercados exteriores senón que a incrementen, poñendo ao seu alcance liñas de axudas financeiras que apoien a súa presenza exterior, ampliando o número de países receptores das exportacións galegas e a diversificación dos sectores exportadores. Javier Guerra destacou que durante o ano pasado o número de empresas que apostaron pola internacionalización medrou nun 29%, e destacou que o obxectivo das axudas do Igape e tratar de conseguir que a progresión se incremente aínda máis durante este ano.
 
Mediante as liñas para a internacionalización das empresas galegas o Igape apoiará actuacións tan diversas como a realización de seminarios de internacionalización; iniciativas de planificación exterior, para apoiar a planificación estratéxica e medio prazo, antes de emprender accións concretas no exterior; a participación en eventos expositivos internacionais celebrados en Galicia; a participación en eventos expositivos e promocionais internacionais celebrados fóra de Galicia; as  misións comerciais directas; as misións comerciais inversas; as misións tecnolóxicas directas e inversas; accións de marqueting, comunicación, imaxe e marca; accións de prospección internacional; e iniciativas destinadas á primeira implantación promocional conxunta no exterior (Plan Primex).
 
A promoción da internacionalización basease nun modelo facilitador de información, servizos directos nos principais mercados internacionais e financiamento ás empresas para a súa entrada neles, aposta que se complementa coa formación e especialización de recursos humanos.
 
Este ano prevese acelerar o proceso de internacionalización empresarial mediante o reforzamento tanto dos apoios financeiros como do abano de servizos ofertados, tanto en orixe como en destino, a través dos centros de promoción de negocios do Instituto, da rede de bolseiros de promoción exterior, ou da rede de axentes mediadores.
 
A cooperación con outras institucións estatais e internacionais neste ámbito tamén forma parte das liñas de acción a potenciar. Trátase dunha clara aposta pola internacionalización como un factor de competitividade, que resulta imprescindible na conxuntura actual e que debe proporcionar unha vía de crecemento para a economía e as empresas galegas.
 
A Xunta de Galicia tamén promove a internacionalización mediante o Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga), que en 2009 se reactivou ao aumentar o investimento da Xunta nun 15%, e que se reforzará considerablemente en 2010 cun incremento de máis do 35% con respecto ao pasado ano, e de case un 60% en comparación co investido polo anterior executivo en 2008. Co Foexga, en 2010, a idea é reforzar a dinámica de colaboración establecida coas Cámaras de Comercio para incentivar as relacións comerciais cos mercados máis dinámicos do mundo.
 
Internacionalización en 2009
Durante o pasado ano, a Consellería de Economía e Industria acordou apoiar, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), un total de 340 proxectos ou iniciativas de internacionalización, fronte ás 241 solicitudes que se aprobaran durante o ano anterior. O número de iniciativas de internacionalización apoiadas polo Instituto medrou, deste xeito, nun 41%. Os apoios destinados a internacionalización das empresas polo Instituto Galego de Promoción Económica medraron nun 48%.
Última actualización ( 19/04/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design