Economía e Industria impulsa o desenvolvemento de clusters excelentes e competitivos a nivel global PDF
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, inaugurou a primeira conferencia internacional sobre clusters e redes de innovación en Europa, que organiza o Igape e que se desenvolve hoxe e mañá en Santiago. O presidente do Instituto destacou a aprobación de novas liñas de apoio ás agrupacións empresariais que permitirán anticipos do 80% das axudas concedidas.
 
Santiago, 11 de marzo de 2009.- O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, defendeu hoxe a aposta decidida do seu departamento pola consolidación en Galicia de clusters excelentes e competitivos a nivel global. Durante a súa intervención na inauguración da primeira conferencia internacional sobre clusters e redes de innovación en Europa, que organiza o Igape e que se desenvolve hoxe e mañá en Santiago, Guerra Fernández anunciou tamén as novas liñas de apoio ás agrupacións empresariais, autorizadas hoxe polo Consello da Xunta e que permitirán achegar anticipos do 80% dos apoios concedidos.
 
Javier Guerra constatou que Europa require o desenvolvemento de clusters excelentes, de rango mundial, que destaquen polas súas capacidades de innovación e competitividade, polo seu alto coñecemento e pola capacidade de emprender proxectos excelentes.  Iso é o que promovemos tamén desde o Goberno galego, indicou: “Queremos clusters galegos excelentes e teremos clusteres galegos excelentes, sós ou, en moitos dos ámbitos de actuación, coa necesaria colaboración de axentes doutros territorios como os representados neste encontro internacional”, dixo.
 
ImageO responsable de Economía e Industria destacou o encontro promovido polo Igape no marco do proxecto AT-Clusters como un fito importante  e transmitiu aos asistentes a súa convición de que “o relevante é competir e establecer vantaxes de carácter global, mundial”. Para iso, argumentou, “hai que emprender con forza e convición desde o carácter local e rexional e, con ese afán de obter categoría e capacidade de competitividade mundial, saber que a complementariedade, a cooperación transrregional e a capacidade de innovación conxunta para chegar ás vantaxes competitivas globais, é o obxectivo último”.
 
Como mostra de que a Consellería de Economía e Industria está comprometida na procura de clústeres excelentes e competitivos a nivel global, Javier Guerra  explicou que o  Consello da Xunta autorizou hoxe o establecemento, por primeira vez en Galicia, de anticipos de ata o 80% do importe das subvencións, sen necesidade de garantías, aos clusters empresariais galegos, co obxectivo último fixado na mellora da competitividade do tecido empresarial da Comunidade Autónoma. Os apoios concederanse por concorrencia competitiva ao amparo dunha  orde de apoios económicos cunha dotación de 2,4 millóns de euros.
 
Segundo destacou o conselleiro na súa intervención, esta iniciativa beneficiará á ducia de clusters empresariais existentes en Galicia, que suman case 700 empresas de diversos sectores que facturan cerca de 14.000 millóns de euros e empregan de xeito directo e indirecto a milleiros de traballadores galegos. Os apoios permitirán que os clusters galegos acometan novos proxectos que melloren, a medio e longo prazo, a súa competitividade evitando os problemas derivados das dificultades de acceso ao crédito. Entre os de máis recente creación, referiuse aos do granito, que reúne a máis de 200 empresas, e ao da xeotermia, un colectivo de carácter pioneiro tanto en Galicia como en España.
 
Javier Guerra inaugurou este mediodía a primeira conferencia interrexional sobre “Clusters, políticas de clusters e redes de innovación en Europa”, que organiza a Consellería de Economía e Industria a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e na que participan representacións de todos os clusters galegos e representantes de entidades asociativas de diferentes países de Europa. O obxectivo do encontro  é favorecer a implantación das mellores prácticas de colaboración entre clusters baseados no coñecemento no Espazo Atlántico, para incrementar, deste xeito, a súa competitividade no mercado global.
 
A conferencia enmárcase no seo do proxecto de cooperación “AT CLUSTERS: cluster e meta-cluster rexionais e multirrexionales no Espazo Atlántico”, que coordina o Igape. Esta primeira conferencia de clusters e redes de innovación serve para abordar a primeira presentación dos avances e resultados do proxecto que se vén desenvolvendo nas seis rexións europeas participantes, a través das correspondentes entidades de desenvolvemento empresarial: a Sociedade para o Desenvolvemento Rexional de Cantabria (Sodercan); A South West Regional Authority de Cork (Irlanda); o Instituto de Desenvolvemento do Principado de Asturias (Idepa); a Agência de Desenvolvimento Regional do Vale do Ave (Portugal); a sociedade Betagne-Innovation, de Francia; e o Igape en representación de Galicia. 
 
Durante os encontros previstos na conferencia que hoxe comeza, os expertos e responsables dos diferentes grupos farán as súas correspondentes exposicións e valoracións sobre situación actual e  sobre as perspectivas do desenvolvemento en Europa dos clusters e o que estas agrupacións empresariais poden achegar para avanzar na innovación en rede.  Nesta primeira conferencia internacional sobre “Clusters, políticas de clusters e redes de innovación en Europa” haberá representantes de CLUNET, European Cluster Policy Groups, European Cluster Observatory, ERRIN, INNET e TACTICS, entre outras redes e organizacións de prestixio internacional neste ámbito.
 
Os asistentes a esta conferencia, especialmente orientada a representantes de clusters e agrupacións empresariais galegas, poderán acceder a coñecementos de primeira man sobre as diferentes alianzas e proxectos europeos nas materias de clusters, innovación e redes europeas. O encontro prevé ofrecer un panorama completo, de modo que empresas, organizacións e administracións poidan explorar intereses e posibilidades de participación, colaboración e desenvolvemento de iniciativas a partir do coñecemento adquirido e das interrelacións xeradas durante o evento. Para favorecer aínda máis esta posibilidade de interrelación entre empresas, entidades ou agrupacións de diferentes ámbitos xeográficos, a organización habilitou espazos para encontros bilaterais, mediante a xestión de axendas e entrevistas personalizadas.
 
Última actualización ( 25/03/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design