| Economía e Industria impulsa o Día do Emprendedor para apoiar a conversión das ideas en empresas |
|
|
O multitudinario encontro arredor do emprendemento que vén impulsando a Xunta de Galicia desenvolverase este ano o próximo 25 de outubro en Santiago, organizado polo Igape e BIC Galicia. A VI Edición do Día Emprendedor suma á súa cita anual en Compostela, unha xornada en Lugo, o 18 de outubro, e outra en Ourense, o 20, no marco dos respectivos plans Impulsa.
Santiago, 28 agosto de 2011.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, ultima a preparación do Día do Emprendedor de Galicia 2011, que ten como obxectivo facilitar o achegamento dos emprendedores e os novos empresarios a todos os servizos e apoios para impulsar e creación e a consolidación de novas iniciativas empresariais.
Nesta edición, á parte do evento central, que se desenvolverá en Santiago de Compostela o 25 de outubro, haberá itinerarios diferenciados para as provincias e Lugo e Ourense, como un servizo engadido de apoio ao emprendemento, no marco dos respectivos plans Impulsa.
Deste xeito, e por primeira vez, o Día Emprendedor celebrarase este ano en tres cidades Lugo, Ourense e Santiago-, co obxectivo de achegar aos empresarios de toda Galicia esta plataforma para facilitar a creación e o financiamento de empresas, na que se presta especial atención a innovación, a mellora da competitividade e a internacionalización das sociedades de recente creación.
O Día do Emprendedor de Galicia inclúe itinerarios con relatorios e mesas redondas nas que se abordarán todos os chanzos do emprendemento, desde que unha persoa percibe que pode ter talento para emprender ata o desenvolvemento e consolidación da súa idea, pasando pola elaboración titorizada dun plan de empresa; desde o momento de dar os primeiros pasos ata chegar á internacionalización.
A primeira das xornadas programadas terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o vindeiro o 18 de outubro. Dous días despois, o 20 de outubro, celebrarase o encontro en programado en Expourense; para finalizar coa cita anual no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, o 25 de outubro. O principal obxectivo destas xornadas sobre emprendedurismo é procurar que sexan de verdadeira utilidade práctica para os emprendedores, tanto para os que teñen un proxecto e precisan de apoio para poñelo en marcha como para os que buscan servizos ou apoios para facer crecer e consolidar o seu negocio.
Ademais dos relatorios sobre experiencias de éxito, financiamento ou internacionalización, contarase con actividades de dinamización, onde os novos emprendedores terán a oportunidade de entrevistarse con emprendedores ou directivos de prestixio.
Na edición deste ano, as redes sociais terán maior protagonismo, e impulsaranse as xornadas como uns espazos que favorezan o traballo en rede (networking). Ademais, provocarase o encontro entre as ideas emprendedoras e os posibles investidores, e haberá un punto específico de xuntanza para aqueles empresarios con necesidades comúns.
O próximo 15 de setembro abrirase o prazo de inscrición na web www.diaemprendedor.com, onde tamén se poderá consultar o programa de actividades, as novas sobre os relatores, os relatorios, talleres, actividades en rede, etc. |
|
| Última actualización ( 27/09/2011 ) |


