Economía e Industria incrementa nun 25% os apoios para novos emprendedores co plan Re-emprende PDF
Javier Guerra salienta que as novas bases apostan polo pre financiamento de proxectos ao contemplar a concesión de anticipos do 50% das axudas concedidas sen requirir garantías. Tamén serán financiables neste novo marco os investimentos en proxectos de consolidación ou maduración temperá de pemes de menos dun ano. O Igape dispón en 2010 dunha partida orzamentaria de 3 millóns de euros para conceder subvencións ao abeiro desta liña.
 
Santiago, 7 de abril de 2010.- A Xunta de Galicia incrementa nun 25% os fondos para o novo programa específico de apoio aos novos emprendedores, o Plan Re-emprende 2010, e reforza a súa aposta clara e decidida para procurar que ningunha iniciativa viable quede sen poñer en marcha por falta de financiamento adecuado.
 
Así o manifestou o Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, durante a presentación das novas bases reguladoras deste plan do Igape, incluído no Plan re-Forza, aos proxectos de creación de pequenas e medianas empresas, ou de realización de investimentos en novas pemes promovidos por novos emprendedores, queacaban de ser publicadas no Diario Oficial de Galicia.
 
ImageMediante o Plan Re-emprende, a Consellería de Economía e Industria pre financiará, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e mediante a concesión de anticipos sen aval  de ata o 50% da anualidade da axuda, os proxectos de novos emprendedores que impulsen investimentos de ata 1.500.000 euros. Coa concesión de anticipos e pagos a conta sen requirir garantías aos beneficiarios, o Goberno galego busca facer fronte ás dificultades que atopan habitualmente os novos emprendedores para acadar financiamento nas entidades de crédito.
 
Esta nova medida servirá para incrementar e mellorar os estímulos públicos aos proxectos impulsados por novos emprendedores, no marco dunhas bases que, por outra banda, incrementan desde 500.000 a 1.500.000 os investimentos máximos apoiables. Por outra parte, e ademais dos novos proxectos, poderán ser apoiables mediante subvencións a fondo perdido que cubran entre o 15 e o 40% dos investimentos, os proxectos de consolidación ou diversificación temperá que impulsen as empresas de menos de un ano; ata agora, os incentivos do programa emprendedores só eran aplicables a novos proxectos.
 
Para incentivar os proxectos dos novos emprendedores o Igape dispón no exercicio de 2010 dunha partida orzamentaria dotada con 3 millóns de euros, o que representa un 25% máis que no anterior exercizo.  O Plan Re-emprende para proxectos de creación ou consolidación de empresas promovidas por novos emprendedores están destinadas a pemes que exerzan ou teñan intención de desenvolver a súa actividade económica en Galicia, en calquera das actividades económicas que a normativa europea permite. Os investimentos apoiables estarán entre un mínimo de 50.000 e un máximo de 1.500.000 euros. Entre outros conceptos, serán financiables a obra civil para construción, reforma ou habilitación de instalacións; bens de equipo, maquinaria, equipos informáticos ou mobiliario; inmobilizado inmaterial e aprovisionamentos necesarios para o comezo da actividade.
 
O conselleiro de Economía e Industria lembrou que, para impulsar as súas iniciativas empresariais, os novos emprendedores galegos poden atopar no Igape outros instrumentos de financiamento complementarios como os préstamos subsidiados e avalados regulados no programa re-imaXina, ou as participacións vía capital risco a través dos fondos Emprende ou Semente, que xestiona Xesgalicia, a sociedade xestora dos fondos de capital risco da Xunta de Galicia. Con respecto ao programa re-imaXina, que estará en activo ata o 30 de xuño, destacou que durante o ano pasado o Igape recibiu preto de 500 solicitudes para préstamos por importe de máis de 11 millóns de euros.
 
Formación e asesoramento
O Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, tamén destacou o intenso labor que desenvolve o seu departamento a través de BIC Galicia para facilitar formación e asesoramento a emprendedores, por unha banda, e accións de consolidación de novas empresas, por outra.
 
Segundo explicou, durante 2009 foron case 8.400 as persoas que participaron nas 400 accións formativas dirixidas a estudantes, emprendedores, empresarios e axentes de emprego. Ademais, os titores de BIC Galicia apoiaron a elaboración de 115 novos proxectos de novas empresas.
 
O conselleiro de Economía e Industria destacou igualmente o intenso labor desenvolvido polo seu departamento para apoiar a consolidación de empresas novas a través de programas e instrumentos como a Rede Mentoring, con mentores especializados, ou a iniciativa Sae ao Mercado, impulsada en colaboración coas asociacións de xóvenes empresarios. Das 200 accións formativas desenvolvidas neste ámbito para reforzar a competitividade a través da innovación puideron beneficiarse en 2009 un total de 1.150 empresas, asegurou Guerra Fernández.
 
Creación áxil de novas empresas
Guerra tamén destacou que, a través do Igape, os emprendedores galegos poden crear as súas empresas de forma áxil, en menos de 48 horas, facendo uso dos puntos de asesoramento e inicio de tramitación  (PAIT) que o Instituto ten en cada unha das súas oficinas territoriais en A Coruña, Ferrol, Lugo, Santiago, Ourense, Pontevedra e Vigo. A través destes PAIT, de forma telemática, os emprendedores poden crear unha empresa baixo a fórmula xurídica da sociedade limitada nova empresa (SLNE) en menos de 48 horas. Deste xeito, co apoio da tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) tamén se poden crear sociedades de responsabilidade limitada (SRL). Segundo explicou o conselleiro, durante o pasado ano constituíronse 88 novas empresas a través dos PAIT do Igape.
Última actualización ( 08/04/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design