Economía e industria mobilizará 10 millóns en préstamos para financiar producións audiovisuais PDF
As bases especificas publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia están dotadas cun orzamento de 825.000 euros para subsidiar en 4 puntos porcentuais os préstamos concedidos neste marco de apoio. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o 30 de xuño de 201. O Igape compensará ademais outros custos financeiros ás entidades financeiras colaboradoras para facilitar o financiamento ás empresas.
 
Santiago, 9 de decembro de 2010.- Co obxectivo de apoiar as pemes galegas do sector audiovisual para que poidan superar as dificultades que atopan habitualmente para acceder ao financiamento que precisan para desenvolver as súas producións, a Consellería de Economía e Industria impulsa  a posta en marcha dunha nova liña específica coa que se prevén mobilizar préstamos subsidiados por importe de 10 millóns de euros.
 
Segundo manifestou en roda de prensa o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica, Joaquín Varela de Limia Cominges, as producións audiovisuais requiren importantes investimentos e caracterízanse polos “longos períodos sen retornos, ata que a empresa vende o produto e cobra”. 
 
ImagePor esa razón, indicou Varela, “as pemes atopan dificultades para financiar proxectos viables, suxeitos a pactos de venda e con apoios públicos que aseguran a súa rendibilidade”. Por iso, engadiu, “habilitamos agora unhas bases específicas, adecuadas ás características e necesidades do sector, para facilitar o financiamento das producións  audiovisuais”.
 
As bases reguladoras deste nova liña financeira, publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, servirán para apoiar o financiamento de producións de longametraxes, películas de televisión, documentais, produtos de animación, series de ficción ou programas piloto e produción de contidos interactivos, entre outras.
 
As bases están dotadas cunha partida orzamentaria de 825.000 euros para subsidiar, en 4 puntos porcentuais, os préstamos bancarios destinados a financiamento das producións, e para compensar as comisións das entidades financeiras e, se é o caso, as das sociedades de garantía recíproca que avalen as operacións.
 
As bases de apoio a producións audiovisuais servirán para financiar préstamos de ata 1.5 millóns de euros por operación ou ata un máximo de ata 2,3 millóns por produtora en tres anos consecutivos. O prazo de presentación de solicitudes estará aberto desde mañá ata o 30 de xuño de 2011.
 
O director xeral do Igape lembrou que, ademais desta nova liña específica, o sector das industrias culturais, do que forma parte importante o audiovisual, recibe habitualmente apoio ao abeiro das liñas xerais do Igape para os investimentos, a mellora da competitividade, o incremento da capacidade innovadora ou a internacionalización das empresas galegas. Segundo destacou Joaquín Varela, no que vai de ano, o Igape concedeu a este sector axudas por importe de 4,3 millóns de euros.
Última actualización ( 10/12/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design