Economía e Industria promove a internacionalización empresarial mediante a colaboración cos clusters PDF
A través do Igape, organiza unha Semana de intelixencia competitiva que busca achegar ás empresas que desexan explorar outros mercados as claves e as habilidades necesarias para que podan planificar e desenvolver con éxito as súas estratexias de proxección exterior. En diferentes días, o ciclo reunirá a 200 empresarios de sectores como automoción, téxtil, pedra natural, construción, TIC, alimentación, audiovisual ou biotecnoloxía, entre outros. O Igape, por outra banda, mantén abertas ata o próximo mes de maio seis liñas de axuda a iniciativas de internacionalización empresarial.
 
Santiago, 27 de marzo de 2011.- Entre o 28 de marzo e o 1 de abril desenvólvese en Santiago a Semana da Intelixencia Competitiva, promovida pola Consellería de Economía e Industria e organizada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) co obxectivo de acelerar a internacionalización das empresas galegas mediante a colaboración a través dos clusters onde se agrupan.
 
O obxectivo fundamental desta Semana da intelixencia competitiva, que se desenvolverá na Escola Galega de Administración Pública, é favorecer á internacionalización do tecido empresarial galego, achegando ás empresas que desexan explorar outros mercados as claves e as habilidades necesarias para que podan planificar e desenvolver con éxito as súas estratexias de proxección exterior.
 
A través do IGAPE, durante a Semana da intelixencia Competitiva de Galicia a Consellería de Economía e Industria pon ao alcance do empresariado galego as ferramentas mais avanzadas para acertar nas iniciativas de internacionalización empresarial. A denominada como Intelixencia Competitiva incorpora unha metodoloxía que permite planificar estratexicamente, solucionar problemas concretos e determinar cales son as opcións máis vantaxosas, así como identificar oportunidades e ameazas dunha maneira precisa, axudando, polo tanto, a tomar decisións correctas que se traduzan en beneficios económicos.
 
A Semana da Intelixencia Competitiva comezará o luns 28 de marzo cun encontro aberto a empresarios e representantes dos clusters do naval, da automoción, do metal e doutras  actividades relacionadas. O día 29 de marzo será o momento de achegar as claves da intelixencia competitiva cara a internacionalización ás empresas de construción, materiais de construción, madeira, granito e lousa. O 30 de marzo estará dedicado aos sectores do audiovisual, produto gráfico e edición. A xornada do 31 de marzo será para as empresas do Téxtil, TIC e enerxías renovables. E o ciclo concluirá, o 1 de Abril, co achegamento das claves da intelixencia competitiva ás empresas de alimentación e biotecnoloxía.
 
Desde o comezo da actual lexislatura, o actual Goberno da Xunta vén impulsando un programa integral de apoio ás estratexias de internacionalización das empresas galegas, o que supuxo, ata 2010, un incremento do 152% dos investimentos neste capítulo. Cos case 20 millóns orzamentados para 2011, son xa 48,5 millóns os que puxo o actual Goberno a disposición das empresas galegas que decidan asumir o reto da internacionalización. As iniciativas de internacionalización impulsadas mediante a colaboración teñen consideración preferente.
 
En 2010 aprobáronse 1.043 solicitudes de apoio a iniciativas e proxectos neste ámbito, un 209% máis en no ano anterior. Esta evolución revela que o empresariado galego asume o reto da internacionalización como algo imprescindible e conta co Igape para facerlle fronte. O incremento das exportacións galegas, que medraron nun 8,6% en 2010, tampouco semella alleo á concienciación das empresas galegas sobre a necesidade de saír ao exterior.
 
A través do Igape, a Consellería de Economía e Industria mantén aberta, ata o próximo mes de maio, a convocatoria de seis liñas de apoio á internacionalización das empresas galegas.
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design