| Economía e Industria promove vínculos entre os axentes do sector biotecnolóxico galego e portugués |
|
|
O foro transfronteirizo de biotecnoloxía e emprendemento busca identificar oportunidades de negocio e xerar sinerxías que favorezan a consolidación dun tecido empresarial biotecnolóxico na Eurorrexión. Entre as empresas galegas que compartirán a súa experiencia e coñecemento figuran, entre outras, o Grupo Zeltia, Feiraco, Ecocelta, Porto Muiños, Nanoinmunotech ou ABG Patentes.
Santiago, 29 xuño de 2009.- Promover o emprendemento no eido da biotecnoloxía no espazo transfronteirizo de Galicia e Norte de Portugal é un dos obxectivos fundamentais do I Foro Transfronteirizo de Biotecnoloxía e Emprendemento que se desenvolve hoxe, 29 de xuño, no Centro Social Caixanova de Vigo. O encontro está organizado por Bic Galicia, como entidade coordinadora, en colaboración coa Fundación Universidade de Vigo, o Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Bic Minho, e o Instituto Empresarial do Minho. O foro inscríbese no proxecto europeo de cooperación transfronteiriza Galicia - Norte de Portugal Bioemprende, que ten como finalidades as de promover vínculos entre todos os axentes implicados no sector biotecnolóxico, mellorar a capacidade emprendedora, identificar oportunidades de negocio e xerar sinerxías que favorezan a consolidación dun tecido empresarial biotecnolóxico.
O I Foro Transfronteirizo de Biotecnoloxía e Emprendemento está orientado tanto a pemes que incorporen biotecnoloxía nos seus procesos produtivos como a bioempresas, emprendedores cunha idea de negocio biotecnolóxica, grupos de investigación públicos ou privados relacionados coa biotecnoloxía e institucións e organismos vinculados co sector. Reune aos mellores expertos e constituirá un espazo para o intercambio de coñecementos, a identificación de novas oportunidades de negocio e o estímulo para a cooperación transfronteiriza.
Desenvolverase en 4 Mesas temáticas nas que empresas, investigadores e axentes de apoio técnico ou empresarial analizarán as potencialidades da biotecnoloxía para o desenvolvemento de novas liñas de negocio: biotecnoloxía vermella: medicina e saúde; biotecnoloxía azul: acuicultura e pesca; biotecnoloxía verde: agroalimentacion; e biotecnoloxía branca: medioambiente.
O foro constitúe unha inmellorable oportunidade para coñecer a situación do sector biotecnolóxico na Eurorrexión, as mellores estratexias de protección das ideas e os recursos de financiamento dispoñibles para a posta en marcha de iniciativas biotecnolóxicas.
Neste I Foro Transfronterizo de Biotecnoloxía e Emprendemento participarán destacados investigadores como Ángel Carracedo, catedrático de Medicina Legal na USC, ou África González, catedrática de Inmunología da Universidade de Vigo e promotora de Nanoinmunotech.
Entre as empresas galegas que compartirán a súa experiencia e coñecemento figuran, entre outras, o Grupo Zeltia, Feiraco, Ecocelta, Porto Muiños, Nanoinmunotech ou ABG Patentes. Entre as empresas portuguesas destacadas nesta ámbito estarán no encontro de Vigo Frulact, Simbiente, Grupo Bial ou a Associaçao Nacional dos Industriais de Lacticínios (ANIL).
Máis información: www.bioemprende.eu/foro Más información do proxecto en http://www.bioemprende.eu/ |
|
| Última actualización ( 01/07/2009 ) |


