| Economía e Industria reitera a aposta firme da Xunta pola internacionalización das empresas |
|
|
O director xeral do Igape, Joaquín Varela de Limia, salientou que o Instituto prevé incrementar nun 11,5% as partidas de apoio nesta ámbito de actuación, que ten consideración estratéxica para a Xunta. Referiuse á primeira fase de desenvolvemento da rede de plataformas empresariais no exterior como unha das accións de futuro destacadas e subliñou que a estratexia de internacionalización do Goberno galego ten a súa forza nas alianzas de cooperación entre os diferentes axentes implicados.
Santiago, 23 de novembro de 2010.-A Consellería de Economía e Industria reitera a aposta firme e consistente da Xunta de Galicia na aceleración dos procesos de internacionalización empresarial. Así o reiterou hoxe o director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia, durante a súa participación na inauguración do III Foro sobre o Mercado Ruso, organizado pola Cámara de Comercio de Ourense.
Varela de Limia destacou que o Instituto que dirixe atendeu este ano 1.398 solicitudes de apoio a través das bases específicas para a internacionalización, un 260% máis que o ano pasado, e subliñou tamén que para 2011, pese ás acusadas restricións orzamentarias, prevemos incrementar nun 11,5% as partidas destinadas a este obxectivo estratéxico. Entre os capítulos máis importantes neste ámbito destacou a nova orde de axudas á internacionalización, co plan de apoio a primeiras implantacións comerciais no exterior (PRIMEX), a primeira fase de desenvolvemento da rede de plataformas empresariais no exterior e a primeira fase de colaboración coa rede de asociacións de empresarios galegos no exterior.
Segundo explicou o director xeral do Igape, o obxectivo da Consellería de Economía e Industria é apoiar ás empresas galegas en todo o proceso que implica impulsar unha estratexia de internacionalización efectiva, desde a prospección inicial dos mercados ata a consecución de negocios concretos. Joaquín Varela engadiu que a internacionalización empresarial é unha tarefa que todos os axentes económicos debemos enfrontar con determinación e desde a colaboración.
O responsable do Igape recoñeceu que a galega é unha das economías máis abertas e internacionalizadas de España, pero puxo de manifesto que ten aínda moito camiño por andar, sobre todo con respecto a algúns mercados como o de Rusia, que ofrece unhas balanzas comerciais sensiblemente desfavorables, tanto para España como para Galicia. Rusia é un mercado estratéxico para Galicia, recoñeceu Varela, e está previsto que acolla unha das futuras plataformas empresariais galegas no exterior.
Segundo explicou Varela de Limia, a estratexia de internacionalización da Xunta de Galicia busca a súa forza nas alianzas de cooperación entre os diferentes axentes implicados. Deste modo, dixo, combinarase o programa das plataformas empresariais no exterior en colaboración coa CEG-, co Plan Foexga desenvolvido polas cámaras de comercio galegas-, e cos plans de internacionalización promovidos polos clusters máis dinámicos.
Plan Foexga 2010
No Plan de Fomento das Exportacións activado pola Consellería de Economía e Industria coas Cámaras de Comercio de Galicia participan preto de 1.000 empresas en 2010, no marco de 159 accións a prol da internacionalización que contan cun orzamento de case 5 millóns de euros.
A Consellería de Economía e Industria decidiu reactivar o Plan de Fomento das Exportacións Galegas como medida estratéxica de apoio as políticas de fomento da internacionalización das empresas galegas. Deste xeito, o Goberno galego, co financiamento de iniciativas como o Plan Foexga, abrangue o desenvolvemento dunha pluralidade de actuacións de cara a estimular o comercio e a industria galega mediante a subvención de misións empresariais a outros países, a participación de axentes comerciais estranxeiros nos principais eventos comerciais da Comunidade Galega ou a presenza de bolseiros galegos e de promotores de negocios en diferentes lugares do mundo.
O departamento que dirixe Javier Guerra incrementou en 46 o número de accións a desenvolver ao abeiro deste programa e chegou a un total de 159 iniciativas proxectadas para o presente exercicio. Ademais, a Consellería de Economía e Industria aumentou a súa aportación económica en 11 dos 12 capítulos do Foexga 2010 e as accións a desenvolver en todos eles. |


