Economía e Industria xa autorizou máis de 3.700 operacións no marco do plan re-Móblate Galicia PDF
As operacións aprobadas permiten apoiar unhas vendas de mobles por importe de máis de 7 millóns de euros. Os obxectivos básicos deste programa son incentivar a demanda de mobiliario en madeira e manter o emprego nun sector estratéxico para a economía de Galicia. O importe medio das operacións de compra de mobles cubertas por este programa está a ser de 1.900 euros. Xa son 163 os comercios adheridos como entidades colaboradoras, ademais de 77 fabricantes.
 
Santiago, 19 de decembro de 2010.- A consellería de Economía e Industria xa autorizou máis de 3.700 operacións amparadas polo Plan re-Móblate. As operacións aprobadas permiten apoiar unhas vendas de mobles por importe de máis de 7 millóns de euros. O prazo de presentación de solicitudes ao abeiro deste programa está aberto ata o próximo 30 de decembro.
 
Polo de agora son 163 os establecementos comerciais adheridos ao Plan re-Móblate Galicia como entidades colaboradoras. O número de fabricantes adheridos ata o momento é de77. A venda media formalizada ata o momento ten un importe próximo aos 1.900 euros.
 
A Consellería que dirixe Javier Guerra, a través do Instituto Galego de Promoción Económica, destina  2 millóns de euros a incentivar as vendas de mobles de madeira e colchóns, de acordo co previsto no Plan re-Móblate Galicia, que está consensuado co sector a través da Federación Galega de Empresas do Moble, logo de avaliar outras iniciativas de estímulo da demanda impulsadas, dentro deste sector, noutras comunidades autónomas.
 
As bases reguladoras, publicadas o pasado 3 de novembro no Diario Oficial de Galicia establecen un incentivo temporal á demanda axeitado á estrutura de produción de Galicia, para incentivar as vendas de mobiliario para o fogar co obxectivo de dinamizar o sector e manter o emprego.
 
As operacións subvencionables –consistentes na compra dun ou varios mobles- terán un importe mínimo de 600 euros e o máximo será de 4.000€. A axuda resultante para o comprador  dos bens obxecto do Programa re-Móblate poderá chegar ata 600 euros, nunha ou varias operacións de compra, sumando a subvención do Igape e o compromiso de desconto que asumen conxuntamente fabricantes e vendedores para favorecer un maior estímulo da demanda.
 
Son entidades colaboradoras os establecementos de venda de mobiliario de madeira para o fogar ou colchóns pertencentes á categoría de Peme con personalidade xurídica propia –incluídos autónomos- con centro  de actividade do establecemento en Galicia, e que se adhiran formalmente ao programa. As entidades colaboradoras comprométense a efectuar os descontos previstos nas bases reguladoras, tanto o correspondente a fabricantes-vendedores como a subvención que lle corresponde achegar á Consellería de Economía e Industria a través do Igape.
 
Son subvencionables ao amparo desta liña de apoio as operacións de compras de mobiliario de madeira para o fogar ou colchóns realizadas nunha entidade colaboradora (establecemento de venda) e fabricados por unha empresa de fabricación adherida que se formalicen no prazo previsto.
 
A cadea industrial da madeira é un dos sectores estratéxicos en Galicia. Logo de avaliar programas de incentivos á venda de mobles elaborados noutros territorios, a Consellería de Economía e Industria decidiu lanzar, de xeito acordado cos representantes dos establecementos de venda de mobiliario en Galicia, o Plan Remóblate Galicia 2010, un incentivo de carácter temporal para estimular as vendas de mobles de madeira para o fogar.
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design