| Economía especializa axentes de desenvolvemento local para garantir mellor atención aos autónomos |
|
|
A Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD) Coordina Local, dependente do Igape, imparte as xornadas de formación aos integrantes da rede. Comezarán a desenvolverse o próximo día 25 en Vimianzo e rematarán, o día 14 de decembro, en Ourense. A formación continua dos técnicos de promoción económica é un dos obxectivos da Unidade de Promoción e Desenvolvemento Coordina Local.
Santiago, 23 de novembro do 2009.- A Consellería de Economía e Industria impulsa a especialización dos técnicos de emprego e axentes de desenvolvemento local para que estean en condicións de achegar un apoio máis eficiente aos autónomos de toda Galicia. Ese é o obxectivo do plan formativo que comezará a desenvolverse esta semana. Deste xeito, a través da Unidade de Promoción e Desenvolvemento Coordina Local que dirixe o Igape, a Consellería de Javier Guerra segue a traballar en prol da mellora continua dos servizos de atención, asesoramento e apoio ós emprendedores e empresarios de Galicia a través da Rede de Técnicos de Emprego e Axentes de Desenvolvemento Local espallados polo territorio.
Logo da grande acollida que tivo o Servizo de Apoio ao Autónomo, con máis de 5.000 consultas recibidas durante o primeiro trimestre de funcionamento, a Consellería de Economía e Industria, a través da Unidade de Promoción e Desenvolvemento Coordina Local (UPD Coordina Local), impulsa agora un plan de formación especializada sobre Autónomos co obxectivo de incrementar as competencias profesionais do persoal técnico de promoción económica. Este plan formativo concrétase na celebración das Xornadas técnicas de mellora de capacidades para a orientación ao traballador autónomo que serán impartidas polo persoal da UPD Coordina Local e que se organizan en colaboración con BIC Galicia co obxectivo de afondar nos coñecementos da Rede de Técnicos de Emprego de Galicia. As xornadas técnicas formativas impulsadas pola UPD Coordina Local desenvolveranse en cidades e vilas de toda Galicia, dende o 25 de novembro e ata o 14 de decembro, coa intención de dar cobertura a todo o territorio e de que poda participar o maior número de Axentes de Emprego e Desenvolvemento Local.
Estas xornadas técnicas destinadas á mellora de capacidades para a orientación do traballador autónomo perseguen desenvolver e incrementar as competencias profesionais do persoal técnico de promoción económica, que teñen como usuarios dos seus servizos a traballadores autónomos ou emprendedores que teñan intención de selo. Trátase de encontros formativos dinámicos nos que os técnicos poderán situar o seu papel como axentes de emprego e desenvolvemento local dentro do Servizo de Apoio ao Autónomo, vendo as utilidades que o Servizo ten para o seu traballo cotián con actuais e potenciais traballadores autónomos e recibindo orientación sobre cuestións xerais que preocupan ó colectivo de autónomos. Coa participación nas xornadas, os técnicos de promoción económica poderán especializarse nos aspectos xurídicos, contables, fiscais, laborais ou financeiros que afectan ao colectivo autónomo, de especial importancia no desenvolvemento económico de Galicia. Asemade, coñecerán outros recursos de información e capacitación relacionados coa súas tarefas de asesoramento e apoio a emprendedores.
Datas e lugares onde se celebran
As xornadas técnicas de formación especializada desenvolveranse en 10 edicións, noutras tantas cidades e vilas de Galicia escollidas para poder atender a necesidade de formación de toda a rede de técnicos de emprego que están espallados polo territorio. Durante o mes de novembro as localidades que acollerán a celebración das xornadas serán: Vimianzo (día 25), Foz (día 26) e O Barco de Valdeorras (día 30). As seguintes edicións terán lugar ó longo de decembro en: Pontevedra (día 2), Ferrol (día 3), Lugo (día 4), Santiago de Compostela (día 10), A Coruña e Vigo (día 11) e Ourense (día 14).
UPD Coordina Local
UPD Coordina Local foi creada mediante unha iniciativa coordinada polas Consellerías de Economía e Industria, a través do Igape e BIC Galicia, e Traballo, co obxectivo de impulsar a creación e consolidación de novas empresas en Galicia. A formación continua dos axentes de emprego e desenvolvemento local de Galicia é un dos obxectivos cos que naceu a UPD Coordina Local, que desenvolve a súa actividade no ámbito da coordinación e o apoio aos axentes de promoción económica espallados polo territorio galego. É a súa función darlle cohesión á rede, divulgar e dar a coñecer o traballo que desenvolven os técnicos e ofrecerlles ferramentas e información útil para o seu labor diario. O fin último deste departamento, coma o dos propios técnicos, é incentivar e promover o proceso de posta en marcha e a consolidación de empresas.
Servizo de Apoio ó Autónomo
Achegar ferramentas e servizos permanentes e gratuítos de formación, información e asesoramento especializado aos autónomos galegos é o obxectivo do Servizo de Apoio ao Autónomo impulsado pola Consellería de Economía e Industria a través da sociedade BIC Galicia. Os principais referentes deste servizo son o portal web www.autonomosgalicia.org , que recibiu máis de 5.000 visitas nos tres meses que leva funcionando, e a colección Cadernos do Autónomo, que nas próximas semanas contabilizará trinta novos títulos destinados a achegar información especializada sobre os asuntos que máis preocupan a este colectivo empresarial, de importancia estratéxica en Galicia.
En torno á plataforma www.autonomosgalicia.org os autónomos galegos poden acceder a diferentes recursos, tales coma guías de oportunidades de negocio, manuais prácticos de xestión, noticias de interese para o autónomo, etc. O número de visitas recibidas ata a data na plataforma telemática serve para dar unha idea do interese que espertan o seus contidos, que están en permanente actualización e ampliación. |


