BIC Galicia reanuda os seminarios para emprendedores, logo de formar a 2.800 no primeiro semestre PDF
A sociedade dependente da Consellería de Economía e Facenda imparte cursos para espertar vocacións empresariais, para axudar a elaborar e implantar plans de empresa e para asesorar a novos empresarios. A maioría dos seminarios teñen carácter presencial, pero a oferta de BIC Galicia inclúe tamén cursos en liña, a través de internet.
 
Santiago, 27 de agosto de 2007.- A sociedade do Igape BIC Galicia reanuda a partir do próximo mes de setembro un intenso calendario de seminarios que se desenvolverán por todo o territorio galego para procurar espertar novas vocacións empresariais, para formar novos emprendedores e apoialos no proceso de elaboración dos seus plans de empresa e para dar asesoramento a titulares de sociedades de recente creación. Máis de 2.800 persoas participaron nas iniciativas formativas organizadas por BIC Galicia durante o primeiro semestre de 2007, contando coa colaboración de numerosas entidades que traballan no eido do desenvolvemento económico a nivel comarcal ou local.
 
Durante ese período, BIC Galicia organizou máis de medio cento de cursos e seminarios formativos en diferentes localidades das catro provincias galegas. O obxectivo central destas actividades é o de dotar aos potenciais emprendedores dos coñecementos necesarios para a creación dunha empresa, así como facilitar apoio e asesoramento aos novos empresarios a axeitada xestión e consolidación das súas sociedades. Nas próximas semanas, BIC Galicia emprenderá un novo ciclo de cursos e seminarios para os emprendedores galegos, tanto de forma prensencial como en liña. A oferta incluirá a impartición de diferentes seminarios como os orientados á difusión da creación de empresas, os especializados en impulsar a xeración e maduración de ideas de negocio ou os seminarios de planificación empresarial, entre outros.
 
Maduración de ideas
Esta nova etapa formativa comezará o 10 de setembro en Pontevedra cun seminario de xeración e maduración de Ideas, que tamén se celebrará en A Coruña o día 18. Esta modalidade de seminarios está destinada a proporcionar aos emprendedores os coñecementos necesarios para xerar e madurar ideas para que se cheguen a converter en iniciativas empresariais. Permiten aos participantes realizar unha primeira aproximación cualitativa á viabilidade da idea e ao seu potencial como proxecto de empresa.
 
Por outra banda, os ciclos de seminarios de difusión da creación de empresas, destinados a espertar vocacións empresariais, seguirán a desenvolverse tamén no mes de setembro, en moitos casos en colaboración coa Consellería de Educación e nos centros de Formación Profesional. O primeiro deste segundo semestre desenvolverase en Santiago, na Fundación da Muller Emprendedora, o día 17; a seguir, o día 20 de setembro, haberá outro na Cámara de Comercio de Vilagarcía de Arousa. Fomentar o espíritu emprendedor e amosar as posibilidades do autoemprego son outros dos obxectivos que buscan estes seminarios. Ao mesmo tempo, dende BIC Galicia pretenden que estas iniciativas proporcionen aos emprendedores as nocións e as ferramentas básicas para desenvolver un proxecto de empresa. Na axenda da páxina do Igape (www.igape.es) pódese acceder a todos os seminarios de difusión programados ata fin de ano.
 
Polo que se refire aos seminarios de planificación empresarial impartidos por BIC, terán igualmente continuidade despois do descanso vacacional. O 27 de setembro celebrarase un destes cursos en Vigo, e o día 1 de outubro haberá outro en Ferrol. Estes seminarios teñen como finalidade achegar aos emprendedores os conceptos básicos necesarios para a elaboración dun plan de negocio e o deseño e a elaboración do proxecto de empresa.
 
Formación a empresarios e en liña
Por outra banda, durante o segundo semestre deste ano está previsto impartir unha vintena de seminarios de formación para novos empresarios, para prestarlles apoio no proceso de consolidación das súas iniciativas empresariais.
 
BIC Galicia tamén imparte formación a emprendedores a través de internet (www.bicgalicia.es), sistema que estará de novo operativo a partir de mediados de setembro e ao que se acolleron case 200 persoas durante o primeiro semestre do ano.
Última actualización ( 09/10/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design