| Emprendedores destacados compatirán as súas experiencias no IV Día do Emprendedor de Galicia |
|
|
Promotores de novas empresas instaladas nos viveiros das cámaras de Comercio de Vigo, Ourense e Ferrol participarán no obradoiro Viveiros de empresa: unha visión realista, no marco do IV Día do Emprendedor, que se desenvolverá en Santiago de Compostela o próximo 19 de maio.
Santiago de Compostela, 12 de maio de 2009.- Novos empresarios galegos, promotores de iniciativas punteiras, compartirán as súas experiencias no IV Día do Emprendedor de Galicia, previsto para o vindeiro 19 de maio en Compostela. O obradoiro Viveiros de empresa: unha visión realista daralles ás persoas inscritas no encontro a posibilidade de coñecer de primeira man as dificultades e vantaxes de poner en marcha un proxecto empresarial. O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, coa colaboración do Ministerio de Industria, Turismo y Comercio, organizan o encontro, que terá como eixes fundamentais as oportunidades de negocio, a innovación, o financiamento e a internacionalización.
Por parte do viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Vigo, participarán no obradoiro José Luis Vega, promotor de Destrudat, primeira empresa de Galicia especializada en destrución de documentación in situ, en presenza dos clientes, e Xabier Lojo, promotor da Iniciativa Local de Emprego D´Lenda, dedicada a rutas e servizos culturais.
Destrudat naceu en 2007 co obxectivo de facilitarlles ás empresas a eliminación de documentos e é distribuidora de certificación dixital e facturación electrónica para empresas. Pola súa banda, D´Lenda creouse este mesmo ano para ofrecer servizos turísticos especializados en cultura a través de rutas por Galicia e Portugal coa sustentabilidade, a accesibilidade e o respecto polo patrimonio como principais valores da súa actividade.
Ourense e Ferrol
A representación do viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Ourense ostentaraa Biosgal (Bioseguridad de Galicia), empresa especializada en seguridade alimentaria. O seu promotor Tomás González presentará a iniciativa e os seus servizos, que inclúen a desinfección ambiental; o control de plagas, cheiros e calidade do aire; microbioloxía de augas, alimentos, ambientes e superficie; e asesoramento en condicións hixiénico-sanitarias á industria alimentaria.
Do viveiro de empresas da Cámara de Comercio de Ferrol intervirán Ángel Édgar Iglesias e Alberto García, promotores de Enodest e FrutoDS, respectivamente. Enodest desenvolve a súa actividade no ámbito do control de calidade en produción e do mantemento de procesos industriais e navais. O seu elemento máis innovador está na realización de inspeccións mediante ensaios non destrutivos coa utilización de ultrasons. FrutoDS é un gabinete de deseño industrial e comunicación cualificado como Iniciativa Empresarial de Base Tecnolóxica pola Xunta. |
|
| Última actualización ( 15/05/2009 ) |


