Empresarios chineses buscan en Galicia produtos téxtiles e agroalimentarios da man do Igape PDF
Representan ou dirixen compañías que suman máis de 160.000 puntos de venda en distintas cidades de China. A misión empresarial reuniuse en Santiago de Compostela con cualificados representantes da industria agroalimentaria galega e visitará as instalacións de Texvigo. Na reunión participou o director xeral de Industria da Consellería de Economía e Industria, Ángel Bernardo Tahoces.
 
Santiago, 4 de maio de 2009.- Unha delegación chinesa coordinada pola Asociación China de Franquías e Cadeas de Tendas (China Chain Store and Franchise Association-CCFA) e integrada por 22 altos directivos de cadeas empresariais, comezou hoxe en Santiago unha visita profesional que ten como obxectivo coñecer a oferta galega de marcas e produtos dos sectores textil e alimentario, con vistas a avaliar a súa introdución no mercado chinés. A misión empresarial inversa está organizada pola división internacional do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) a través do seu centro de promoción de negocios en China.
 
ImageA misión empresarial mantivo hoxe en Santiago un encontro profesional con altos representantes de organizacións empresariais galegas de sectores como ás conservas, os produtos agroalimentarios amparados por denominacións de calidade ou a producción de viños de denominación de orixe. Así, neste primeiro encontro galego-chinés paticiparon directivos e técnicos de Anfaco-Cecopesca, de empresas conserveiras de produtos do mar e da terra, dos consellos reguladores das denominacións de orixe Valdeorras, Ribeira Sacra e Rías Baixas, ou de diferentes adegas. Nésta primeira reunión de traballo participou o director xeral de Industria da Consellería de Economía e Industria, Ángel Bernardo Tahoces.

Mañá martes, día 5, os integrantes da delegación empresarial procedente de China teñen previsto reunirse con representantes de Texvigo, o parque empresarial especializado que integra a 44 empresas téxtiles, en máis de 100.000 metros cadrados de naves onde traballan unhas 1.200 persoas.

 
Tendas e franquías
A Asociación China de Franquías e Cadeas de Tendas é a representante oficial da industria do comercio minorista e de franquía en China, e acolle a empresas de industrias e sectores como alimentación e bebidas, comercio minorista e servizos; actualmente, esta asociación está integrada por 800 membros que reúnen 160.000 puntos de venda, incluíndo minoristas, franquiadores, provedores e organizacións relevantes. Entre os cen membros máis destacados da CCFA sumaron en 2007 unhas vendas por importe de 115.000 millóns de dólares. Entre os integrantes da asociación, e ademais dos minoristas locais, están cadeas multinacionais recoñecidas como Wal-Mart, Carrefour, Tesco ou Burger King.
 
Entre os membros da delegación empresarial desprazada a Galicia están altos directivos de compañías como Liaoning Xinglong Department Store Group Co., Ltd., que conta con 30.000 empregados e está presente en 14 grandes centros comerciais en sete cidades de China; de Qinhuangdao Jiahui business and trade Co.Ltd, o maior supermercado privado da cidade de Qinhuangdao, que ocupa unha superficie de 40.000 metros cadrados e emprega a 1.300 persoas; ou de Baihui Supermarket of Bijie Trade Co. Ltd, con máis de 1.000 empregados, que xestiona tamén cadeas de supermercados e centros de distribución.
 
Entre as principais liñas estratéxicas de actuación do Igape está a destinada a facilitar a internacionalización das empresas galegas e dos seus produtos e servizos, promovendo o incremento das exportacións ou a implantación comercial no estranxeiro. Para avanzar nese reto, o Instituto dispón dun amplo abano de  servizos -tanto en Galicia como en destino-, ferramentas e apoios.
Última actualización ( 05/05/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design