| Empresarios de o Ceao incorporan a sociedade da información á súa xestión co apoio do Igape |
|
|
Un total de 90 empresas asentadas no polígono lugués de O Ceao veñen de incorporar á súa xestión cotiá as posibilidades que achegan as novas tecnoloxías da sociedade da información, grazas a un proxecto de carácter colectivo apoiado polo Igape a través do Plan de Consolidación e Competitividade da Peme (PCCP).
Lugo, 1 de marzo de 2006.- O proxecto consiste no deseño, desenvolvemento, implantación e integración dunha extranet e un espazo público no portal web da asociación empresarial. O novo portal dos empresarios de O Ceao en Internet inclúe contidos e servizos de utilidade tanto para uso colectivo como individual. Cada empresa pode dispoñer dun espazo virtual privado e individual onde xestionar a súa información e documentación. Os asociados terán ademais correo web, xestor de documentos, zona de emprego, así como información e noticias de interese para os asociados. O resultado da iniciativa foi presentado hoxe, nun acto que se desenvolveu na propia sede da Asociación de Empresarios de O Ceao, contando coa presenza do director xeral do Igape, Xosé Antonio Delgado Arce, que aproveitou para expoñer as novidades máis recentes incorporadas ao marco normativo do Instituto para apoiar as iniciativas empresariais, ao tempo que coñeceu de preto as inquietudes dos empresarios asentados nese polígono. |
|
| Última actualización ( 28/11/2006 ) |


