Friday, 02 December 2016 14:55

A Xunta subliña a relevancia do programa de bolseiros Reacciona para reforzar o capital humano e a competitividade das Pemes

O director do Igape, Javier Aguilera, clausurou hoxe en Santiago o programa de formación previa dos 98 bolseiros seleccionados, que agora comezarán a incorporarse a compañías e entidades que facilitan servizos de mellora competitiva a pequenas e medianas empresas. O 56% dos titulados que participaron nas anteriores convocatorias acabaron incorporándose ao mercado laboral de xeito inmediato á conclusión da súa bolsa. As bolsas do programa ReAcciona, que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ofrecen aos beneficiarios formación previa especializada antes e despois do período de prácticas dun ano de duración en empresas ou entidades colaboradoras da Unidade Galicia Emprende.

 

Santiago, 2 de decembro de 2016.- O director do Igape, Javier Aguilera, salientou hoxe a relevancia do programa de bolseiros ReAcciona para reforzar o capital humano e a competitividade das pemes galegas durante a clausura, en Santiago, das sesións de formación previa nas que participaron durante os últimos dez días os 98 bolseiros seleccionados na última convocatoria, que agora comezarán a incorporarse a compañías e entidades que facilitan servizos de mellora competitiva a pequenas e medianas empresas.

A Xunta inviste este ano máis dun millón de euros para impulsar a especialización e o acceso ao mercado laboral de novos titulados a través das bolsas do programa ReAcciona, co que o Goberno galego facilita ás pemes galegas, desde 2013, o reforzamento da súa capacidade competitiva e a súa adaptación á Industria 4.0.

Ata agora foron seleccionados nas sucesivas convocatorias máis de 400 bolseiros. O 56% dos titulados que remataron o seu período como bolseiros acabaron incorporándose ao mercado laboral de xeito inmediato á conclusión da súa bolsa, dun ano de duración, prorrogable por catro meses máis. Os bolseiros colaborarán na implantación dos proxectos de mellora, sempre baixo a coordinación do Igape, participando en varios plans, en diferentes servizos e empresas para a entidade que se lles asigne.

As bolsas, que promove a Consellería de Economía, Emprego e Industria, ofrecen aos beneficiarios formación previa especializada de 40 horas, programa que hoxe rematou, antes do período de prácticas. O obxectivo final é que os bolseiros se especialicen colaborando na implantación de proxectos de mellora competitiva en empresas, clústeres, entidades ou axentes de Unidade Galicia Emprende, sempre baixo a coordinación do Igape.

Con este programa, a Xunta quere ampliar ademais as posibilidades de inserción laboral dos universitarios, mediante a participación dos novos titulados na execución de proxectos de mellora competitiva para pemes. O proceso de selección baseouse no expediente académico, a formación adicional, a titulación obtida e o coñecemento de idiomas.

O programa ReAcciona

Esta iniciativa da Xunta enmárcase no programa ReAcciona, actualmente activo, xunto co ReAcciona TIC, para reforzar a capacidade competitiva das pemes galegas e a súa adaptación á Industria 4.0. Este plan busca mellorar a xestión das empresas mediante asesoramento especializado e este ano, como novidade, inclúe unha convocatoria específica para a implantación da fábrica intelixente. Estímase que preto de 1.000 empresas se beneficiarán deste programa para desenvolver un total de 1.500 proxectos de mellora.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments