Thursday, 28 September 2017 11:41

Äbrese o prazo para a adhesion de establecementos ao programa Reforma17 que facilitará a mellora de baños e cociñas en 2.800 fogares galegos

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases reguladoras desta iniciativa que se convoca por terceiro ano consecutivo co obxectivo de mobilizar 20 millóns no sector da construción. As axudas públicas directas oscilarán entre un mínimo de 200 e un máximo de 1.000 euros e farán posible que as familias conten con rebaixas de ata o 40% no custo de produtos e mobiliario, grazas aos descontos paralelos que farán os establecementos. O programa Reforma 17 busca estimular a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos que traballan no ámbito da construción. Os particulares interesados neste programa poderán presentar as súas solicitudes, a través dos establecementos colaboradores, que o farán por vía telemática, desde o 11 de outubro ata o 17 de novembro.

Santiago de Compostela, 27 de setembro de 2017.- O Diario Oficial de Galicia publica hoxe as bases do Reforma 17, impulsadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape e en colaboración coa Asociación de Empresarios de Materiais para a Construción (Asemaco), co obxectivo de facilitar a modernización de cociñas e baños en 2.800 fogares galegos e dinamizar, ao mesmo tempo, a actividade e o emprego entre as Pemes e os autónomos da construción.

As entidades colaboradoras –establecementos de distribución de materiais de construción– poden adherirse ao Reforma17 a partir de mañá e durante dez días, e os particulares interesados en acollerse ao programa para reformar cociñas ou baños poderán presentar as súas solicitudes, sempre a través das empresas adheridas –que o farán de forma telemática–, desde o 11 de outubro e ata o 17 de novembro próximos.

O programa Reforma 17 convocase por terceiro ano consecutivo para que os beneficiarios poidan obter rebaixas do 40% nos custos de produtos e mobiliario de cociñas e baños en fogares galegos, dado que ao 20% que aporta a Xunta en axuda directa se suma outro desconto do 20% a facer polas empresas adheridas ao programa. A previsión é que esta terceira edición do programa permita mobilizar 20 millóns de euros no sector.

Como na anterior edición, o custo mínimo dos produtos adquiridos ao abeiro do Reforma 17 será de 1.000 euros, e as axudas públicas oscilarán entre un mínimo de 200 e un máximo de 1.000 euros.

O Programa Reforma, que estimula a demanda e o emprego entre as pequenas empresas e os autónomos do sector da construción, facilitou nos dous últimos anos obras de modernización en máis de 7.000 fogares galegos, mobilizando arredor de 50 millóns de euros. Ao peche do Reforma 17 as axudas terán facilitado a renovación de cociñas e baños en 10.000 fogares galegos, cunha mobilización estimada en 70 millóns de euros.

Coa nova edición deste programa, a Consellería de Economía, Emprego e Industria proponse seguir impulsando a dinamización das empresas de materiais de construción, que viron reducida a súa actividade e facturación como consecuencia da crise que afectou principalmente ao sector inmobiliario.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments