Friday, 06 October 2017 14:06

A Xunta achega a empresarios e emprendedores os novos instrumentos financeiros innovadores

O director do Igape, Juan Cividanes, participou nunha xornada técnica na que se informou sobre este programa que permitirá mobilizar 60 millóns de euros en máis de 100 proxectos de Industria 4.0, emprendemento e innovación. A través deste programa, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2018, concederanse préstamos con prazos de amortización entre 7 e 12 anos e xuros que poden quedar no 0%. Con esta iniciativa refórzanse os instrumentos integrados no Programa Galicia 1000 que este ano prevé achegar financiamento a 3.000 Pemes.

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe nunha xornada técnica específica que se desenvolveu esta mañá en Santiago na que se presentou o novo programa de instrumentos financeiros innovadores, que facilitará a mobilización de 60 millóns de euros en investimentos de pemes galegas en máis de 100 proxectos desenvolvidos no ámbito da Industria 4.0, iniciativas impulsadas por novos emprendedores e proxectos innovadores.

O novo programa, do que se informou onte no Consello da Xunta, está dotado con 33 millóns de euros, e cofinanciado ao 80% con fondos Feder. Os préstamos, comprendidos entre 50.000 e 1 millón de euros, disporán de prazos de amortización comprendidos entre os 7 e os 12 anos, e incluirán unha subvención para rebaixar os custos financeiros, polo que os xuros a pagar polos beneficiarios poderían quedar no 0%. O prazo para a presentación de solicitudes estará aberto desde a publicación das bases no Diario Oficial de Galicia (DOG) ata o 31 de decembro de 2018.

Segundo salientou Cividanes, na xornada ténica, un dos obxectivos das novas liñas de préstamos é conseguir que o financiamento das entidades financeiras privadas cubra entre o 25 e o 40% dos investimentos apoiados.

Explicou o director do Igape que a liña IFI Industria 4.0 apoiará especialmente investimentos centrados na denominada nova industria. Os importes dos préstamos poderán ir desde 65.000 ata un millón de euros, para cubrir ata o 65% dos investimentos en novos centros produtivos, ampliacións de capacidade ou liñas de fabricación de novos produtos. Terán prioridade proxectos que inclúan tecnoloxías relacionadas coa fábrica do futuro e a industria 4.0: robotización, fabricación aditiva, sensórica, sistemas cíber-físicos, automatización, conectividade, vehículos autónomos, dixitalización, big data, loxística 4.0, etc.

Pola súa parte, os préstamos da liña IFI Emprende veñen reforzar os instrumentos de apoio ao emprendemento e irán destinados a sociedades mercantís constituídas maioritariamente por novos emprendedores e cunha antigüidade máxima de 42 meses. O importe dos préstamos, que financiarán ata o 50% dos activos fixos e capital circulante necesario para a posta en marcha de novos negocios, poderá oscilar neste caso entre os 50.000 e os 200.000 euros. Terán prioridade tamén modelos de negocio novidosos e proxectos vinculados aos obxectos da Axenda Industria 4.0 e á Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3).

IFI Innova

Por outra banda, a Axencia Galega de Innovación (Gain) pon en marcha un novo instrumento de apoio ás empresas innovadoras que se tramitará a través do IGAPE, os préstamos IFI Innova. Trátase dunha liña de financiamento pensada para microempresas, pequenas e medianas empresas galegas, especialmente aquelas de base tecnolóxica, que desenvolvan un proxecto innovador. Estes proxectos deben estar aliñados coas prioridades e obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) e ter como obxectivo mellorar a posición competitiva da empresa. O importe dos préstamos estará entre os 50.000 e os 500.000 euros, cubrindo ata o 70% do custo financiable, e o orzamento mínimo dos proxectos deberá ascender a 71.500 euros. Na páxina web de Gain está dispoñible toda a información sobre este instrumento, incluída unha Guía Práctica onde se inclúen os requisitos, as condicións e as instrucións para a tramitación das solicitudes.

Estes novos instrumentos de financiamento ás pemes –complementarios ao labor das entidades financeiras– articúlanse coa utilización de fondos Feder do marco 2014-2020, como unha fórmula destinada a corrixir debilidades de mercado financeiro e necesidades de financiamento postas de manifesto na avaliación previa levada a cabo polo Igape, de acordo co previsto na normativa comunitaria que regula os fondos europeos no marco de apoio comunitario para o período 2014-2020.

O novo programa de préstamos IFIs vén reforzar os instrumentos integrados no programa Galicia 1000 para achegar financiamento axeitado a todos os proxectos empresariais viables. O Galicia 1000 prevé achegar este ano financiamento a 3.000 Pemes.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments