Friday, 24 November 2017 08:51

A Xunta ofrecerá asesoramento personalizado ás empresas afectadas polos incendios para recuperar a súa actividade

O Goberno galego, a través dun convenio de colaboración entre o Igape e a Fundación Incyde, apoiará doce accións formativas para facilitar a continuidade dos negocios afectados e para promover a xeración de novas actividades económicas cun programa de emprendemento e formación especializada. As dúas primeiras iniciativas arrancarán de inmediato nos concellos das Neves (Pontevedra) e Leiro (Ourense) e as dez restantes levaranse a cabo en 2018. A Xunta complementa así as liñas de apoio xa aprobadas polo Consello da Xunta, dotadas con 3 millóns de euros en axudas para financiar obras de recuperación ou reconstrución de establecementos.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2017.- A Xunta vén de aprobar dúas novas medidas para apoiar aos afectados pola vaga de lumes que tivo lugar o pasado mes de outubro. Apoiará, a través dun convenio de colaboración entre o Igape e a Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Incyde), a recuperación das empresas afectadas ou a xeración de novas actividades económicas cun programa de emprendemento e de formación especializada e, doutro lado, prestará asesoramento técnico aos damnificados para tramitar os danos ante as aseguradoras, por medio dun protocolo que asinará o Instituto Galego de Consumo e da Competencia (IGCC) e a Fundación Aon España.

A nova iniciativa do Igape en colaboración con Incyde ten como obxectivo dar un novo impulso á actividade económica e empresarial nas zonas afectadas polos incendios. Búscase apoiar os negocios afectados e promover, ao mesmo tempo, a xeración de novas actividades empresariais. Acadaranse estes obxectivos mediante o desenvolvemento de 12 accións formativas nos concellos afectados pola vaga de lumes -das que as dúas primeiras arrancarán este ano nas Neves (Pontevedra) e Leiro (Ourense) e as outras dez desenvolveranse en 2018-, que incluirá plans de diagnose e programas de asesoramento.

As accións formativas constarán de dous módulos cofinanciados polo Fondo Social Europeo (FSE) a través da Fundación Incyde: por un lado, de autoemprego, para a creación de novas iniciativas empresariais; e polo outro, de consolidación empresarial, para a recuperación e continuidade dos negocios afectados polos lumes.

Mediante o emprendemento e autoemprego proporcionarase unha visión global das distintas áreas funcionais da empresa e poderanse determinar oportunidades de mercado e desenvolvemento do plan empresarial, sempre coa axuda de ferramentas de xestión para favorecer a súa posta en marcha.

Así mesmo, co desenvolvemento dun plan de diagnose e de accións para pequenas e medianas empresas, as pemes afectadas coñecerán as habilidades e os recursos necesarios para definir unha estratexia competitiva clara e completa, para promover a mellora das oportunidades de negocio para os emprendedores, os autónomos e as pemes e para facilitar a mellora competitiva de negocios afectados, poñendo especial énfase en novas técnicas de comercialización de produtos e servizos.

Do que se trata, en definitiva, é de facilitar aos emprendedores e empresas afectados un asesoramento especializado e áxil para retomar a súa actividade ou iniciar outra.

Reclamacións ás aseguradoras

O Consello da Xunta, doutra banda, tamén autorizou a sinatura dun protocolo de colaboración entre o Instituto Galego do Consumo e da Competencia e a Fundación Aon España para dar asistencia técnica en materia de seguros aos damnificados, e que empezará a desenvolverse nos próximos días. Deste xeito, prestarase ás persoas que o precisen a colaboración necesaria para presentar e tramitar coas súas compañías de seguro as reclamacións que consideren oportunas co obxectivo de facer efectivas as indemnizacións polos danos ocasionados polos incendios. Aon, en coordinación coa Xunta, e, a través do seu Observatorio de Grandes Catástrofes, prestará esta axuda.

Estas dúas novas medidas súmanse ás que xa puxo en marcha a Xunta para dar resposta ás consecuencias da vaga de incendios que Galicia rexistrou a mediados de outubro. A Administración autonómica aprobou, pola vía de urxencia, programas de axudas por case 21 millóns de euros, ampliables, para prestar apoio a todos os afectados, tanto empresas como familias afectadas. Destacan as axudas por valor de 3 millóns de euros, activadas pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, para financiar obras de reconstrución e recuperación de establecementos comerciais, mercantís ou industriais afectados polos incendios.

A este paquete de medidas engádense as liñas de financiamento para promover a reactivación das empresas e negocios afectados pola vaga de lumes e para promover novas vías de emprendemento sobre o territorio que dinamicen a actividade empresarial nas zonas afectadas.

Así mesmo, a Xunta puxo a disposición dos afectados o teléfono gratuíto 900815400 no que se informa sobre as axudas que xa están publicas no Diario Oficial de Galicia (DOG) entre as que destacan indemnizacións ás vítimas, apoio aos concellos, rexeneración da natureza, recuperacións dos Terreos Cinexeticamente Ordenados (Tecor), da rede viaria e vivendas, apoios ás explotacións, reparación de naves e tendas e axudas a establecementos turísticos e deportivos. Ata a data, o teléfono recibiu preto de 400 consultas.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments