Friday, 24 November 2017 11:57

A Xunta destaca os apoios a Industria 4.0 e ós proxectos innovadores dos emprendedores na Maker Faire Galicia

O director do Igape, Juan Cividanes, destaca a importancia da transformación da industria galega cara a extensión da fábrica intelixente e conectada e recoñece o potencial do movemento maker para avanzar neste proceso. Salienta que a Xunta de Galicia está sendo pioneira na promoción dos avances da Industria 4.0 co desenvolvemento da Axenda da competitividade.

Santiago, 24 de novembro de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, participou na inauguración do Foro industria 4.0 sobre retos e oportunidades do movemento maker, celebrado hoxe na Cidade da Cultura, no marco da Maker Faire Galicia, onde sinalou que desde a Xunta estase a apostar polo investimento en sentido amplo, pero poñendo o foco na necesaria transformación da industria galega cara a extensión da fábrica intelixente e conectada.

Cividanes apuntou que, mediante premios e axudas aos investimentos no ámbito 4.0, a Xunta promove os proxectos innovadores neste eido. Salientou que, deste xeito, estanse facilitado os investimentos a 70 empresas a través da liña específica para o desenvolvemento de proxectos demostrativos industria 4.0 en sectores tan variados como os de automoción, aeronáutico, madeira, agroalimentario ou naval.

O director do Igape lembrou que a Xunta de Galicia está sendo pioneira na divulgación e a promoción dos avances na Industria 4.0 co desenvolvemento da Axenda, que ten como gran reto crear 50.000 novos empregos na industria ata 2020. O primeiro plan bienal da Axenda facilitou a creación de 11.500 empregos industriais e impulsáronse accións que beneficiaron a 4.200 empresas. Cividanes concretou que se destina un orzamento un 22% maior ao segundo plan bienal, en marcha, polo que se prevé incrementar o investimento e mobilización no ámbito 4.0.

Cividanes referiuse á activación dos novos instrumentos financeiros innovadores (IFIs), con liñas que priorizan os investimentos 4.0 das empresas e os proxectos innovadores de emprendedores e makers. Avanzou tamén que, para o próximo ano, o Igape prevé dar un novo pulo aos investimentos en dixitalización empresarial como clave para acelerar a implantación da Industria 4.0 en Galicia. Promoverase a dixitalización para estender a máis empresas as vantaxes das novas tecnoloxías, dixo.

Dentro da estratexia galega de Industria 4.0, o director do Igape sinalou que tamén se tenderán pontes entre o mundo Maker e a industria, mediante programas específicos relacionados co desenvolvemento de novos provedores e coa xeración de espazos de innovación aberta e colaborativa para makers, emprendedores e empresas que poidan traballar na creación de novos conceptos e produtos no tecido industrial galego.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments