Friday, 24 November 2017 13:33

A Xunta salienta o potencial económico do sector pesqueiro e a súa capacidade de xeración de emprego en Galicia

O director do Igape, Juan Cividanes, destaca a importancia da industria pesqueira galega por tradición, representatividade, vocación innovadora e exportacións do sector, que medraron un 20% no que vai de ano. Durante o encontro organizado por AJE Vigo, subliña que empresas e emprendedores dispoñen de formación, asesoramento e instrumentos financeiros de apoio para impulsar novos proxectos, revitalizar a industria pesqueira e abrir novas oportunidades de negocio.

Vigo, 24 de novembro de 2017.- O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe no Encontro de xóvenes empresarios coa industria pesqueira , organizado por AJE, onde reafirmou o compromiso da Xunta cos emprendedores e co desenvolvemento da industria pesqueira galega, de interese estratéxico para Galicia.

 Durante a súa intervención no encontro empresarial centrado no sector pesqueiro, Cividanes sinalou o impacto positivo que as novas tecnoloxías, promovidas pola Xunta de Galicia a través da Axenda 4.0, poden achegar para mellorar a competitividade das empresas, tanto nos ámbitos de extracción, como nos da elaboración e comercialización de produtos do mar. O director do Igape salientou que estas empresas empregan a máis de 12.000 traballadores en Galicia e destacou á tendencia ao crecemento da dimensión das compañías, especialmente no ámbito das conserveiras.

Cividanes subliñou igualmente o incremento das exportacións de conservas de pescados e mariscos, que medraron en máis dun 20% no que vai deste ano, ata setembro. Co obxectivo se seguir nesta liña positiva, remarcou a necesidade de que as empresas sigan a apostar pola innovación coa incorporación de novas tecnoloxías en todos os ámbitos do proceso produtivo: materiais, deseños, industria do frío, conservantes, elaboración, envases ou sistemas de trazabilidade.

A internacionalización é un aspecto estratéxico para a economía galega no seu conxunto, o sector pesqueiro incluído. Neste sentido, o director do Igape puxo en valor a aposta das empresas pola I+D+i como vía para acceder a máis mercados exteriores. Tamén apuntou que as novas tecnoloxías poden ser a mellor vía para a incorporación de novos emprendedores a este sector.

Cividanes citou a Lei de Emprendemento, de decembro de 2013, como instrumento básico para a promoción e dinamización de iniciativas empresariais e lembrou que, a través do Igape, ofrécese formación e asesoramento especializados, así como instrumentos financeiros axeitados para cada tipo de proxecto. Entre eles citou os novos Instrumentos financeiros innovadores (IFIs), que incorporan a liña IFI Emprende, e programas de axudas directas como Galicia Emprende, aberto a solicitudes ata o 30 de novembro.

O director do Igape destacou a importancia de xornadas como a organizada por AJE Vigo para favorecer a posta en común de coñecemento como unha oportunidade para intercambiar experiencias, para provocar sinerxías profesionais e abrir portas a novas oportunidades de negocio.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments