Monday, 05 February 2018 13:17

A Xunta convoca hoxe as axudas de financiamento para as explotacións agrarias afectadas pola seca

A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa con 500.000 euros unha nova liña específica, que se publica hoxe no DOG, para a concesión de préstamos con xuros bonificados sen custes para os beneficiarios co obxectivo de reforzar a estrutura financeira das explotacións. O Goberno galego prevé mobilizar con esta actuación 3,5 millóns de euros. Os interesados poden presentar as súas solicitudes desde mañá e ata o día 28 do próximo mes de marzo.

Santiago de Compostela, 5 de febreiro de 2018.- A Xunta vén de activar dúas liñas para facilitar o financiamento bonificado ás explotacións agrarias de Galicia afectadas pola seca do ano pasado, de xeito que lles permita aprazar ou distribuír os pagamentos co obxectivo de reforzar a estrutura financeira das explotacións.

Segundo a resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, o Goberno galego destinará 500.000 euros a esta nova convocatoria coa que se prevé mobilizar 3,5 millóns de euros en financiamento sen custos para os beneficiarios. Este programa específico para facer fronte aos danos causados pola seca, súmase ao programa de financiamento habilitado pola Xunta para facer fronte aos danos da sarabia e das xeadas, cuxo prazo de solicitude está aberto ata o día 28 deste mes de febreiro.

A iniciativa que se convoca hoxe permite activar dúas liñas específicas para a concesión de préstamos con xuros bonificados, tanto para financiamento de circulante, como para refinanciamento de pasivos. As explotacións afectadas poderán así aprazar os seus pagamentos adaptándoos aos ingresos e reforzar, ao mesmo tempo, as súas estruturas financeiras como empresas, solicitando unha das liñas ou ben compatibilizando as dúas.

O obxectivo desta nova liña é facilitar a mobilización de financiamento bancario, con préstamos a partir de 3.000 euros sen custos financeiros, para que as explotacións agrarias afectadas pola seca poidan funcionar con normalidade, aprazando os seus pagamentos para facer fronte ás previsibles reducións de ingresos, e para agardar polo cobro, se é o caso, das indemnizacións dos seguros.

As solicitudes poderán presentarse desde mañá e ata o día 28 de marzo, e, así, os agricultores terán a posibilidade de acceder ao financiamento. Búscase favorecer o acceso ao crédito, tanto para investimentos como para circulante.

As explotacións agrogandeiras constitúen unha das principais fontes de creación e sostemento do emprego sobre o territorio, razón pola que o seu acceso ao financiamento, tanto para circulante como para refinanciamento dos seus pasivos, resulta de vital importancia para o mantemento da actividade e dos postos de traballo no ámbito rural, resultando, por tanto, fundamental para a sociedade no seu conxunto.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments