Tuesday, 20 February 2018 14:13

A Xunta destaca a mellora da competitividade das Pemes como unha das claves do novo récord histórico das exportacións

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe en Lalín as instalacións da empresa Aliusporta, onde salientou que as ventas ao exterior galegas medraron un 8,2% o pasado ano, ata acadar os 21.676 millóns de euros. Galicia é a segunda Comunidade Autónoma con mellor balanza comercial, superando os 4.500 millóns de euros, é dicir 1.638 millóns máis ca no ano anterior. Cividanes informou tamén dun novo récord histórico de compañías que exportan con regularidade, 2.413 empresas. Indicou que a Xunta está a apoiar proxectos tanto no ámbito da fábrica intelixente como no da promoción das exportacións, que impulsan a economía galega e a creación de emprego de calidade. Sinalou que o compromiso da empresa Aliusporta cos investimentos no ámbito 4.0, xunto coa súa participación no programa ReAcciona, explican o seu crecemento e consolidación en Lalín.

Lalín (Pontevedra), 20 de febreiro de 2018.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe en Lalín que o crecente compromiso das pemes coa mellora da súa competitividade é unha das claves que explican os continuados avances das exportacións galegas, que medraron un 8,2% o pasado ano e acadaron os 21.676 millóns de euros, marcando un novo récord histórico por segundo ano consecutivo.

O saldo da balanza comercial supera os 4.535 millóns de euros, cunhas exportacións que sumaron 1.638 millóns máis ca no ano anterior, acadando así un novo récord e situando Galicia como a segunda Comunidade con mellor balanza comercial tras o País Vasco. Cividanes salientou tamén o incremento de compañías que exportan con regularidade, que bateu bateron o seu récord con 2.413 empresas o ano pasado.

Esta suba débese aos importantes aumentos das exportacións en sectores como o naval, a metalurxia, o moble, o téxtil ou as industrias agroalimentarias. Polo que se refire aos principais mercados das empresas galegas, destacan os incrementos das exportacións a Arxentina (+103%), Dinamarca (+48,5%), Polonia (+38%), Países Baixos (+36,4%) e América Latina no seu conxunto (+19,8%), entre outros.

Visita a Aliusporta

Contando co apoio do Igape a través da primeira convocatoria de axudas para proxectos no ámbito 4.0, Aliusporta desenvolveu investimentos innovadores para mellorar a súa cadea de produción, ao tempo que está a implantar un proxecto de mellora produtiva e da súa cadea loxística co apoio do programa ReAcciona.

Neste sentido, o director do Igape destacou durante a visita que a Xunta está a apoiar proxectos tanto no ámbito da fábrica intelixente como no da promoción das exportacións, que impulsan a economía galega e a creación de emprego de calidade.

Cividanes subliñou a axuda da Xunta, a través do Igape, para acelerar os procesos de mellora da competitividade das pemes mediante o apoio aos investimentos no eido da Industria 4.0, un reto que asumiron polo de agora 75 empresas e clusters. Destas empresas, 22 corresponden ao sector da madeira e impulsaron ou están a desenvolver investimentos que suman preto de seis millóns de euros no ámbito da fábrica intelixente, contando coa coordinación do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia.

Un dos obxectivos da visita foi coñecer de primeira man os resultados do proxecto innovador que desenvolveu Aliusporta, para avaliar posibles melloras de cara á próxima convocatoria das axudas a investimentos 4.0. Cividanes lembrou que actualmente están activadas as convocatorias para apoiar programas de formación no eido 4.0 ou para a concesión de axudas destinadas a incorporar solucións e tecnoloxías de dixitalización nas pemes galegas.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments