Tuesday, 27 February 2018 12:02

A Xunta destaca que o investimento en innovación é clave para o crecemento e a internacionalización das empresas

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe as instalacións de Congalsa na Pobra, unha compañía especializada na transformación de produtos do mar que factura máis de 72 millóns de euros, emprega a máis de 300 traballadores e está presente en 28 mercados de todo o mundo. Avaliou cos directivos da compañía as posibilidades de mellora que poden acadar as empresas mediante os investimentos innovadores en xeral e nos ámbitos da dixitalización e a fábrica 4.0 en particular. A aposta das empresas pola mellora da competitividade explica que as exportacións galegas medrasen un 8,2% o pasado ano, ata acadar os 21.676 millóns de euros, un novo récord histórico. O director do Igape destaca que a Xunta está a apoiar proxectos tanto no ámbito da fábrica intelixente como no da promoción das exportacións, que impulsan a economía galega e a creación de emprego de calidade.

A Pobra do Caramiñal (A Coruña), 26 de febreiro de 2018.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe nunha visita que desenvolveu a Congalsa, na Pobra, que a aposta continuada das compañías pola innovación é clave para o seu crecemento económico e internacionalización, poñendo como exemplo a esta compañía do Barbanza, que, na actualidade, emprega a máis de 300 traballadores e conta con presenza en 28 mercados internacionais, cunha facturación o pasado ano de 72,5 millóns de euros.

Cividanes avaliou cos directivos da firma, especializada na transformación e distribución de produtos do mar, as posibilidades de mellora competitiva e internacionalización que poden acadar as empresas mediante os investimentos innovadores en xeral e, en concreto, os centrados na dixitalización ou na fábrica 4.0.

O director do Igape, neste senso, amosouse convencido de que o crecente compromiso das empresas galegas coa mellora da súa competitividade é unha das claves que explican os continuados avances das exportacións galegas, que medraron un 8,4% o pasado ano e acadaron os 21.676 millóns de euros, marcando un novo récord histórico por segundo ano consecutivo. Destacou tamén que a Xunta está a apoiar proxectos tanto no ámbito da fábrica intelixente como no da promoción das exportacións, que impulsan o crecemento da economía galega e a creación de emprego de calidade.

Cividanes salientou igualmente que o comportamento dos principais sectores estratéxicos da economía galega está a xogar un papel crucial para acadar os resultados das exportacións galegas. Destacou, neste sentido, o comportamento de ámbitos como o naval, o metalúrxico, o do moble, o téxtil ou as industriais agroalimentarias no seu conxunto, que incrementaron as súas vendas ao exterior nun 13,6% en 2017, impulsadas en boa medida polas vendas de conservas e mariscos, que medraron un 19,3%.

Congalsa, cunha capacidade de produción de 40.000 TM anuais, con máis de 50.000 metros cúbicos de cámaras frigoríficas e máis de 60 clientes en máis de 28 países, é unha compañía especializada na elaboración de produtos precociñados ultraconxelados con base de pescado e marisco. Emprazada na Pobra do Caramiñal, esta empresa está apostando, en palabras de Cividanes, “pola mellora continua dos seus procesos coa incorporación da innovación e está decidida a dar o salto ao modelo de produción 4.0, que está a impulsar a Xunta a través da Axenda Industria 4.0”.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments