Wednesday, 27 June 2018 14:34

A Xunta apoia ao sector da automoción de Galicia na procura de aliados estratéxicos en Israel

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, reforza a visita organizada polo Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) ao abeiro do programa Galicia Exporta. A misión dá continuidade á realizada o pasado mes de febreiro por unha delegación encabezada polo presidente da Xunta para identificar novas oportunidades de negocio para as empresas galegas.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2018.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia, a través do Igape, a misión tecnolóxica que desenvolve estes días en Israel o Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) na procura de alianzas estratéxicas que contribúan a incrementar a competitividade e a proxección exterior do sector da automoción baseada na modernización tecnolóxica.

Como organismo coordinador do desenvolvemento da Axenda Industria 4.0 e ao abeiro do programa Galicia Exporta, o Igape reforza a expedición na que, ademais, os expertos do CTAG están a coñecer as iniciativas avanzadas que nos eidos da mobilidade do futuro, a condución autónoma e a Industria 4.0 desenvolve un dos países punteiros a nivel mundial en innovación industrial.

A misión, que conclúe hoxe, incluíu encontros con responsables de axencias de investigación que son referentes mundiais en novas tecnoloxías, así como con aceleradoras de proxectos empresariais e provedores de software, para dar a coñecer as iniciativas galegas de aceleración e, dese xeito, procurar atraer cara a Galicia investimentos ou tecnoloxías de compañías israelís. Ademais, nos encontros avaliáronse posibles acordos bilaterais entre centros tecnolóxicos galegos e israelís e programas de aceleración mixtos para proxectos de emprendemento e novas empresas galegas e israelís.

O pasado mes de febreiro, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, encabezou a delegación de empresas, clústers e centros tecnolóxicos galegos que acudiron a Israel para participar nun foro internacional de investimento, no que as empresas galegas puideron contactar con investidores e identificar os factores que converteron a este país de Oriente Próximo nun referente mundial en emprendemento tecnolóxico. Algúns dos encontros dan continuidade á anterior misión empresarial, como é o caso da visita ao Smart City Transportation Lab, onde está representada a compañía Mobileye, provedora líder de software para sistemas  avanzados de asistencia á condución.

O sector de automoción destaca por ser un dos máis relevantes para  a economía galega. Así, en 2017 as empresas do automóbil facturaron case 8.700M€, un 4,3% máis ca no ano anterior e xeraron 950 novos empregos, chegando aos 20.800 traballadores directos. Os bos datos inclúen tamén ás exportacións, que no caso dos compoñentes bateron o seu récord histórico cun incremento do 21,6% con respecto a 2016.

O CTAG, que desenvolve proxectos de I+D+i e servizos tecnolóxicos para máis de 200 clientes nacionais e internacionais da automoción e o transporte, ten como un dos seus obxectivos a transferencia do coñecemento máis avanzado á industria do sector. Entre as liñas de investigación aplicada que desenvolve están o vehículo autónomo e conectado, o eléctrico e o confort, os novos materiais e a Industria 4.0.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments