Thursday, 20 September 2018 13:32

A Xunta destaca en Ponteareas o apoio ao emprendemento como clave para fortalecer a creación de emprego e o crecemento económico

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe as instalacións da empresa Galician Brew, onde subliñou a aposta pola calidade dos produtos e a innovación dos procesos de elaboración desta compañía que conta co apoio da aceleradora VíaGalicia e do programa Galicia Emprende. Ata o 25 de outubro permanecerá aberto o prazo de presentación de solicitudes de axudas deste programa, que nesta segunda edición axudará a mobilizar 11M entre 80 iniciativas de emprendemento. A través do Galicia Emprende e do Galicia Rural Emprende, 162 proxectos empresariais recibiron o pasado ano axudas por importe 6,8M, que mobilizan investimentos que superan os 18M.

Ponteareas (Pontevedra), 19 de setembro de 2018.-O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe na visita ás instalacións da empresa Galician Brew, en Ponteareas, que para a consolidación do crecemento económico é fundamental o apoio ás iniciativas emprendedoras galegas, como a da compañía pontevedresa, que está a desenvolver investimentos para a modernización dos seus procesos de produción.

Cividanes destacou que a Xunta, a través do programa de axudas Galicia Emprende, apoia iniciativas de emprendemento e creación ou consolidación de empresas como Galician Brew, que favorecen o emprego de calidade e estimulan o tecido empresarial galego. Ata o 25 de outubro permanecerá aberto o prazo de presentación de solicitudes para a segunda convocatoria deste ano desta liña de apoio, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Económico, e que nesta segunda edición achegará axudas por valor de 3M a 80 proxectos que mobilizarán investimentos que acadarán os 11M.

Lembrou tamén que o programa Galicia Emprende impulsa proxectos de investimento comprendidos entre os 25.000 e os 500.000 euros, con axudas que poden cubrir o 30% no caso das pequenas empresas e o 20% para medianas. Esta liña de axudas está deseñada para apoiar a posta en marcha de proxectos de nova creación ou a consolidación, durante os primeiros 42 meses de funcionamento, de empresas promovidas en Galicia por emprendedores ou autónomos.

Como apuntou Cividanes, esta empresa de Ponteareas destaca pola aposta continuada na mellora da calidade das cervexas que produce e pola innovación dos procesos de elaboración. Así, Galician Brew forma parte dos 15 proxectos seleccionados na última convocatoria da aceleradora ViaGalicia para recibir apoio financeiro. Orientada cara a fabricación altamente especializada, cinco das nove variedades de cervexa que elabora na actualidade -tres delas ecolóxicas- foron recoñecidas con diferentes premios nos últimos anos.

Na actualidade a produción mensual da compañía acada os 2.000 litros e incrementarase proximamente a 10.000, grazas ao investimento na mellora dos procesos de elaboración que a empresa está a levar a cabo co apoio do programa Galicia Emprende.

Nas edicións do pasado ano das iniciativas Galicia Emprende e Galicia Rural Emprende, a Xunta concedeu axudas por importe 6,8 millóns de euros a 162 proxectos empresariais de emprendedores que mobilizan máis de 18 millóns de euros en novos investimentos e levan asociada a creación e o mantemento de 385 postos de traballo.

Ademais das axudas directas activadas mediante estes programas, a Xunta pon a disposición dos emprendedores préstamos directos habilitados a través dos Instrumentos Financeiros Innovadores (IFIs) ou do fondo Galicia Iniciativas Emprendedoras, así como microcréditos ou préstamos con xuros bonificados no marco do programa Galicia 1000.

 

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments