Wednesday, 10 October 2018 14:04

Os 22 proxectos do coworking da Mariña apostan por servizos industriais innovadores e a valorización dos recursos do territorio

Mondoñedo acolleu a presentación das iniciativas emprendedoras desenvoltas na aceleradora, na que colaboran a Xunta e a Escola de Organización Industrial (EOI). Os 33 novos empresarios escolleron ámbitos de actividade como novos servizos e produtos relacionados co transporte, o turismo e a agroalimentación, as TIC e a industria da saúde, entre outros. Os participantes contaron con asesoramento especializado e titoría personalizada no espazo habilitado no Centro Comarcal do municipio lugués, onde se levan acelerado máis de 65 plans empresariais. Desde o comezo a súa actividade ata finais de 2018, a rede de espazos coworking da Xunta terá impulsado 440 proxectos de 540 emprendedores.

Mondoñedo (Lugo), 9 de outubro de 2018.- O Centro Comarcal de Mondoñedo acolleu hoxe a presentación dos proxectos impulsados na terceira edición do coworking da Mariña lucense impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, e a Escola de Organización Industrial (EOI), na que 33 emprendedores recibiron formación e asesoramento á medida para o desenvolvemento dun total de 22 proxectos empresariais.

Os novos empresarios optaron pola oferta de servizos en diferentes ámbitos de actividade, como os relacionados coa valorización de recursos do territorio, o turismo e a hostalería; o uso das TIC en agricultura, seguridade ou fotografía; a asistencia e a conciliación familiar, laboral e persoal, e a fisioterapia; así como pola oferta de novos produtos do sector do transporte, o agroalimentario e a artesanía, entre outros.

Nas tres convocatorias da aceleradora da Mariña lucense levan participado ata o momento máis de 80 emprendedores con 65 proxectos, dos cales preto do 60% iniciaron a súa actividade empresarial. A iniciativa forma parte da rede coworking creada pola Conselleira de Economía, Emprego e Industria, cofinanciada polo Fondo Social Europeo (FSE), para favorecer o desenvolvemento de plans empresariais e a creación de emprego sobre o territorio.

Este apoio da Xunta para o fomento do espírito emprendedor, sobre todo nos concellos do rural, súmase ao programa Galicia Rural Emprende, que este ano mobiliza case 7,8 millóns de euros para impulsar un total de 74 proxectos de empresas ou autónomos, 30 máis que na edición anterior. Só na provincia de Lugo, mobilízanse dous millóns de euros na consolidación de 18 proxectos empresariais.

Nestes días finalizan tamén as accións de formación e asesoramento das últimas edicións dos espazos coworking de Celanova-Terras da Limia, Ribeira Sacra, Costa da Morte, Mariña lucense e Ferrolterra, nas que, en conxunto, se apoiaron 130 novos proxectos de emprendemento. Desde o comezo da súa actividade e ata finais de 2018, estas iniciativas terán impulsado un total de 440 plans empresariais de 540 emprendedores.

Os novos empresarios poderán seguir contando cos servizos e os instrumentos de apoio que ofrece a Consellería de Economía, Emprego e Industria para facilitar a posta en marcha e a consolidación temperá das novas empresas. Deste xeito, poderán continuar accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen, así como a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFIs) para financiar os seus investimentos.

 

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments