Thursday, 22 November 2018 16:25

A Xunta destaca en Culleredo a aposta do Contract pola consolidación internacional mediante iniciativas de cooperación

O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe na inauguración das instalacións do Workshop Contract, un espazo innovador único en España creado por unha decena de empresas. A plataforma dá aceso aos profesionais do sector e da arquitectura ás innovacións técnicas e de materiais no equipamento de edificios colectivos ao tempo que ofrece un espazo de formación e xeración de ideas. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Estratexia de internacionalización, reforza os esforzos de proxección exterior das pemes do sector. Nos primeiros nove meses do ano as vendas de Galicia ao estranxeiro incrementáronse nun 7,6% fronte ao 3,2% da media estatal.

Culleredo (A Coruña), 22 de novembro de 2018.- O director do Igape, Juan Cividanes, participou hoxe en Culleredo na inauguración das instalacións do Workshop Contract, un centro pioneiro en España creado por unha decena de empresas, que ofrece aos profesionais do sector e da arquitectura o acceso ás novidades no que respecta a materiais e innovacións técnicas, ademais dun espazo de formación e xeración de ideas.

No acto, no que se presentou un proxecto realizado a partir da aplicación da realidade virtual, Cividanes destacou a aposta da iniciativa polo Contract sostible e pola aplicación das tecnoloxías 4.0, ademais do seu esforzo por fortalecer a presenza nos mercados de destino mediante fórmulas de cooperación entre compañías que se dedican ao equipamento de edificios colectivos.

O sector Contract galego, do que forman parte máis de 100 empresas galegas que traballan en máis de 90 países en todo o mundo, destaca pola calidade e aceptación dos produtos e servizos que ofrece nos mercados internacionais, nos que algunhas das compañías facturan máis dun 95% das súas vendas. Así, empresas provedoras e instaladoras de orixe galego levan participado en máis de 10.000 proxectos construtivos en 800 cidades do mundo.

O director do Igape lembrou o reforzo que a Estratexia de internacionalización da empresa galega, impulsada pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, achega aos esforzos de proxección internacional das pemes do sector que, ademais, consolida a súa competitividade a través da innovación e a especialización.

Froito do esforzo do tecido empresarial galego neste eido, co apoio da Xunta, nos primeiros nove meses deste ano as vendas ao exterior de Galicia incrementáronse un 7,6% fronte ao 3,2% da media estatal e situaron á Comunidade galega entre as primeiras con máis crecemento, acadando nese período un superávit comercial de 3.010 millóns de euros. Galicia atópase así no seu mellor ciclo exportador, tras superar en 2017 a barreira dos 21.000 millóns de euros.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments