Thursday, 24 January 2019 11:36

O coworking de Ourense mantén aberta a convocatoria para incorporar novos proxectos empresariais

A iniciativa con sede no CIS Madeira, en San Cibrao das Viñas, aposta pola promoción de novos proxectos empresariais innovadores no sector da madeira prioritariamente, pero sen excluír outro tipo de actividades. A última edición impulsada conxuntamente pola Xunta e a EOI serviu xa para apoiar 18 proxectos empresariais.

San Cibrao das Viñas (Ourense), 24 de xaneiro de 2019.- O espazo coworking impulsado conxuntamente pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Escola de Organización Industrial (EOI) en San Cibrao das Viñas mantén aberta a convocatoria da nova edición para os emprendedores que desexen desenvolver un novo proxecto empresarial, especialmente nos ámbitos do sector forestal e da transformación da madeira, pero sen excluír outras actividades empresariais.

Poderán participar nesta iniciativa de emprendemento os promotores de ata 22 proxectos. A primeira edición desta aceleradora especializada nun dos sectores estratéxicos para a economía galega rematou en abril e contou coa participación de 18 proxectos. Xunto co do Salnés, focalizado no turismo e a agroalimentación, e o de Santiago, centrado nas industrias culturais e tecnolóxicas, este coworking ubicado no CIS Madeira, en San Cibrao das Viñas, é un dos espazos especializados nun ámbito sectorial (neste caso, forestal-madeira).

A finalidade desta acción é facilitar o desenvolvemento de proxectos empresariais e a creación de emprego sobre o conxunto do territorio galego, incrementando as probabilidades de éxito das propostas impulsadas polos emprendedores. Poden participar persoas con ideas empresariais sen desenvolver, emprendedores con proxectos empresariais en fase temperá de desenvolvemento e emprendedores que crearan a súa empresa en datas recentes e precisen asesoramento para a fase inicial de consolidación e crecemento.

A iniciativa de San Cibrao forma parte da rede de espazos coworking que en Galicia, grazas á colaboración da Xunta, a EOI e co financiamento do Fondo Social Europeo, xa ten permitido apoiar 458 proxectos promovidos por máis de 500 emprendedores galegos.

Na actualidade tamén permanecen abertas as convocatorias para os de Ferrolterra, Costa da Morte, Ribeira Sacra, Mariña lucense, Celanova e Terras da Limia, Santiago de Compostela e O Salnés. Estas iniciativas contribúen a dinamizar a economía e emprego dos concellos máis pequenos, así como aproveitar os recursos de cada zona para crear novas oportunidades e fixar poboación.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments