Thursday, 28 February 2019 10:23

A Xunta afianza cunha misión comercial as alianzas e oportunidades de negocio iniciadas en Israel

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, acompaña a unha delegación formada por pemes, clusters e centros tecnolóxicos. Na visita, que dá continuidade ás dúas realizadas o ano pasado, participan compañías de automoción, das TIC ou as enerxías renovables, entre outros sectores. As vendas ao exterior galegas a Israel acadaron en 2018 os 79,3 millóns de euros, e exportan ao país unha media de 120 empresas ao ano. Galicia bateu en 2018 un novo récord de exportacións, cunha suba do 5,4%, e superando por primeira vez os 22.000 millóns de euros.

Santiago de Compostela, 27 de febreiro de 2019.- A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, participará a vindeira semana nunha misión comercial a Israel para xestionar posibles oportunidades de negocio e alianzas estratéxicas para o tecido empresarial galego, así como para avanzar na procura de posibles investimentos cara Galicia.

A delegación estará formada por catorce participantes entre os que se atopan oito pemes, dous clusters e catro centros tecnolóxicos dos sectores da automoción, TIC, metalmecánico e das enerxías renovables, ademais dunha entidade financeira.

Esta viaxe institucional dá continuidade ás realizadas en febreiro de 2018 polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e en xuño por representantes do Igape, e ten como obxectivo que as empresas galegas aproveiten as sinerxías creadas, non só na busca de negocio senón tamén no coñecemento da experiencia empresarial dun país líder en canto a innovación, tecnoloxía, emprendemento e loxística.

A axenda da viaxe, que terá sete días de duración, estará centrada en encontros empresariais e reunións cos altos directivos de axencias gobernamentais, universidades, centros tecnolóxicos, aceleradoras, así como compañías israelís.

Cómpre resaltar tamén a participación da delegación no OurCrowd Global Investor Summit que se celebrará en Xerusalén os días 6 e 7 de marzo, un evento no que se reúnen os principais investidores e os emprendedores máis innovadores de sectores diversos, e que constitúe un dos acontecementos de referencia internacional no mundo dos negocios. Será, polo tanto, tamén unha oportunidade para dar a coñecer o ecosistema de emprendemento e innovación que existe en Galicia e de xerar oportunidades comerciais para as compañías galegas participantes.

A misión comercial a Israel busca, en definitiva, novas vías de investimento, colaboración e alianzas estratéxicas para o tecido empresarial galego nun dos mercados máis punteiros a nivel internacional. Así, as vendas ao exterior galegas a Israel acadaron en 2018 os 79,3 millóns de euros. Durante os últimos anos veñen exportando a Israel unha media anual de 120 empresas galegas.

No pasado ano Galicia acadou un novo récord de exportacións, superando nun 5,4% o rexistro de 2017 e logrando tamén o maior número de empresas exportadoras e empresas exportadoras regulares da súa historia. Así, en 2018 as vendas ao exterior das empresas galegas sumaron 22.857 millóns de euros, e medraron case o dobre que no conxunto de España.

Para seguir avanzando na boa marcha da presenza galega nos mercados exteriores, en 2019 e 2020 a Consellería de Economía, Emprego e Industria investirá 11,6 millóns de euros a través dos programas Foexga e Galicia Exporta, o que supón un incremento de 3,7 millóns de euros con respecto ás anteriores edicións, para chegar a preto de 1.000 empresas.

Misión do Clúster da Saúde

Israel tamén será o destino da misión exterior do Clúster da Saúde de Galicia que, apoiado polo Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, vén de impulsar un plan de internacionalización que favorece as máis de sesenta empresas e institucións que o integran. Os socios deste organismo intermedio do ámbito sanitario viaxarán a Israel na procura de socios e colaboradores estratéxicos, ao tempo que pretenden identificar boas prácticas en áreas como o emprendemento, a innovación ou a xestión local.

A misión, que se realizará do vindeiro 11 ao 15 de marzo, dá a posibilidade ao clúster de reunirse cos principais actores do sistema de innovación no sector sanitario de Israel. A axenda de viaxe inclúe encontros con empresas e directivos gobernamentais, así como tamén visitas a centros tecnolóxicos, á Facultade de Medicina da Universidade de Tel-Aviv ou a aceleradoras de start-ups do ámbito da saúde.                     

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments