Monday, 25 March 2019 13:05

Galicia conta cunha nova aceleradora para fortalecer o emprendemento innovador e a proxección internacional da industria alimentaria

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, asistiu hoxe en Santiago de Compostela á presentación da Business Factory Food, promovida pola Xunta a través do Igape, a Axencia Galega de Innovación (Gain) e XesGalicia, coa coordinación e xestión do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). A iniciativa contará con tres edicións -a primeira manterá aberto o prazo de solicitude ata o 16 de maio- nas que se pretende impulsar 26 proxectos que xerarán 60 empregos. O sector agroalimentario representa máis do 7% do PIB da economía galega e foi a terceira industria en volume de exportacións en 2018. 

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2019.- O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe en Santiago de Compostela, durante a presentación da primeira aceleradora alimentaria de Galicia, a Business Factory Food (BFFood), que o obxectivo deste novo proxecto é fomentar o emprendemento innovador nesta industria e fortalecer a súa proxección internacional.

 A iniciativa, impulsada pola Xunta a través do Igape, a Axencia Galega de Innovación (Gain) e XesGalicia, contará coa coordinación e xestión do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga). Ademais, importantes empresas tractoras deste sector xa amosaron o seu interese en participar neste proxecto que tamén contará co apoio doutras entidades e centros tecnolóxicos e de coñecemento. Neste sentido, o conselleiro lembrou que se trata dunha iniciativa aberta e convidou a todos os axentes desta industria a sumarse.

A BBFood vén sumarse ás aceleradoras sectoriais coas que Galicia conta en sectores como a automoción (BFAuto), a aeronáutica (BFAero), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada no agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa). Ademais intégrase en StartIN Galicia, que aglutina aceleradoras e coworkings cos que se está apoiando o desenvolvemento de 900 proxectos emprendedores.

A nova aceleradora permitirá a Galicia contar cunha industria alimentaria máis competitiva ao permitir aos participantes testar o potencial das súas ideas con grandes compañías do sector, axustar o seu proxecto ás necesidades do mercado potenciando o desenvolvemento da I+D. Así, os proxectos deben estar relacionados con retos tecnolóxicos ou de innovación que o sector demanda e que van desde a predición da demanda de produto á economía circular, pasando por unha etiquetaxe intelixente ou a implantación de sistemas dixitalizados de calidade, entre outros.

Prevese realizar tres convocatorias na que se apoiará con mentorización, formación, espazo de traballo, acceso a infraestruturas, networking e financiamento a un total de 26 empresas que xerarán 60 empregos. A primeira edición estará aberta ata o 16 de maio e prevese a participación de seis proxectos.

Conde destacou o peso do sector agroalimentario galego na economía da Comunidade e lembrou que no ano 2018 foi a terceira industria en volume de exportacións cun total de 1.284 empresas que venderon os seus produtos ao exterior, en concreto a países como Portugal, Italia, Estados Unidos ou China. O sector conta con 2.400 empresas que dan traballo a 27.000 persoas e representa o 7,3% do PIB galego.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments