Tuesday, 26 March 2019 14:54

A Xunta presenta ás empresas galegas a plataforma dixital de asesoramento ante o Brexit

O director do Igape, Juan Cividanes, deu a coñecer esta mañá a ferramenta que permite ás pemes saber de xeito personalizado o impacto da saída do Reino Unido da Unión Europea na súa actividade diaria. O obxectivo é contribuír a planificar e elaborar plans de continxencia para converter o novo escenario económico nunha oportunidade. Esta iniciativa complementa a posta en marcha dos servizos de asesoría en Santiago de Compostela e en Londres que atenderán as consultas das compañías galegas.

Santiago de Compostela 26 de marzo de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, presentou esta mañá a plataforma dixital posta en marcha pola Xunta de Galicia que ofrece ás pemes galegas interesadas diagnoses técnicas e personalizadas de cal é a súa situación e como deben actuar ante o novo escenario económico que se abre coa saída do Reino Unido da Unión Europea. Con esta ferramenta, o tecido empresarial galego poderá coñecer o impacto real do Brexit na súa actividade diaria.

Cividanes destacou que o obxectivo desta iniciativa é contribuír a que as empresas poidan anticiparse e adoptar as medidas necesarias para converter un novo escenario económico nunha oportunidade. Ademais, a ferramenta permitirá planificar e elaborar plans de continxencia para mitigar os riscos derivados do Brexit.

A plataforma dixital, á que se accede a través do enderezo web https://www.brexitgalicia.com/register, facilita unha avaliación do impacto do posible novo contexto comercial ás empresas galegas en dous niveis, o da súa preparación actual ante do Brexit e o da súa dependencia comercial co país anglosaxón. A partir destes parámetros, a ferramenta analiza cada peme en cinco dimensións clave: estratexia e modelo de negocio, fiscalidade e aduanas, marco legal, organización e persoas, e marco financeiro.

Ademais de proporcionar recomendacións específicas sobre cuestións clave en función da situación de cada peme, este instrumento de apoio ao tecido empresarial galego amosa unha análise comparativa con respecto a outras empresas, así como indicacións globais para cada un dos sectores estratéxicos de Galicia.

Na súa intervención, Cividanes lembrou que xunto con esta páxina web, as empresas van dispor en Galicia dunha oficina na sede do Igape, que ofrecerá un servizo de consultoría para as compañías que soliciten información sobre o escenario económico do Brexit. Engadiu que nos vindeiros meses se vai poñer en marcha outra oficina emprazada en Londres que atenderá as necesidades do tecido empresarial galego asentado no Reino Unido.

Cividanes salientou tamén que este destino debe seguir consolidándose como mercado relevante para o tecido empresarial galego e que a circulación de servizos e mercadorías entre Galicia e o país anglosaxón debe continuar en termos semellantes aos dos últimos anos. Nese sentido, resaltou a alta calidade e a diferenciación dos produtos galegos, que son os impulsores da presenza internacional das compañías da nosa comunidade.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments