Friday, 29 March 2019 10:07

A Xunta destina 2,5 millóns de euros a reforzar os clústeres como impulsores da competitividade das pemes galegas

A nova convocatoria facilitará o impulso tecnolóxico, a innovación e a captación de novas empresas mediante o fortalecemento das agrupacións sectoriais. As entidades desenvolverán plans de formación e actividades orientadas ao fomento da dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo galego, cunha previsión de mobilización de 5 millóns de euros. Apóstase así polos clústeres como pancas para consolidar o tecido empresarial a través da Industria 4.0.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2019.- O Consello da Xunta comprobou unha nova liña específica de axudas, dotada con 2,5 millóns de euros, co obxectivo de reforzar a actividade dos clústeres galegos no seu impulso á competitividade das pequenas e medianas empresas galegas. Esta iniciativa, desenvolvida pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, mellorará a fortaleza das agrupacións empresariais innovadoras e dos clústeres galegos consolidados que, cunha previsión de mobilización de 5 millóns de euros, poñerán en marcha tanto plans de formación como actividades orientadas ao fomento da dixitalización e a internacionalización do tecido produtivo da nosa Comunidade.

Deste xeito, as axudas contribuirán a consolidar os clústeres galegos para que sigan mobilizando recursos e proxectos e reforcen o seu papel activo á hora de definir estratexias cooperativas nos diversos ámbitos de desenvolvemento tecnolóxico, ademais de continuar co seu papel fundamental de aceleradores da Axenda Industria 4.0.

Así, a convocatoria apoiará o papel destas organizacións como pancas de difusión e pezas estratéxicas no impulso de proxectos innovadores, dando soporte á transformación dixital das compañías do seu ámbito de influencia, especialmente ás pequenas e medianas empresas.

Ao mesmo tempo, a liña de axudas reforzará o papel dinamizador dos clústeres na actividade económica de Galicia, xa que os sectores produtivos representados por estas entidades acada algo máis do 75% do PIB de Galicia e, en termos similares, do nivel de emprego e exportacións galegas.

O procedemento de concesión dos apoios, con prazo de execución ata outubro de 2021, farase polo réxime de concorrencia competitiva. Na avaliación dos proxectos teranse en conta, entre outros criterios, o impacto socioeconómico da iniciativa apoiada, o grao de representatividade do clúster no sector correspondente e a importancia do ámbito produtivo para Galicia, ademais do de vinculación cos obxectivos da Axenda de Industria 4.0.

Esta iniciativa, que dá continuidade ás convocatorias realizadas no período 2013-2018, ás cales se destinaron 5,4 millóns de euros, compleméntase con outros programas que contribúen á promoción de iniciativas que lideran estas organizacións, como os proxectos Industria 4.0 ou diferentes iniciativas para facilitar a internacionalización das pemes.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments