Tuesday, 02 April 2019 12:51

A Xunta aposta por incrementar as relacións comerciais con Australia onde exportaron o pasado ano máis de 200 empresas

O director do Igape, Juan Cividanes, participa hoxe en Expo Australia Galicia onde se analiza a importancia da cooperación internacional entre a nosa comunidade e o país oceánico. As exportacións galegas a este destino medraron un 64,6% o pasado ano, ata sumar 33,5 millóns de euros. Subliña que a alta calidade dos servizos e produtos galegos é clave para incrementar a presenza galega no exterior.

Ferrol, 2 de abril de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes participou hoxe en Ferrol na segunda xornada da terceira edición da Expo Australia Galicia, na que durante dous días se analiza a importancia de fortalecer a cooperación entre o país oceánico e a nosa Comunidade en ámbitos como os vínculos comerciais e de defensa, en materia de cultura, educación, innovación e investigación así como na promoción dos valores compartidos.

Cividanes destacou que a alta calidade dos servizos e produtos galegos é clave para reforzar a presenza galega comercial no exterior, así como para incrementar o volume de exportacións, que no 2018 superaron por primeira vez a barreira dos 22.000 millóns de euros.

Neste sentido, lembrou que o pasado ano 261 empresas galegas fixeron chegar os seus produtos ao país australiano e, delas, 88 fano regularmente, o que supón un incremento do 79% con respecto ao 2013. As vendas a Australia aumentaron no 2018 nun 64,6%, acadando os 33,5 millóns de euros.

Sobre a atracción de investimentos do exterior, o director do Igape fixo fincapé no marco de estabilidade e confianza que ofrece Galicia, reforzado por unha lexislación que favorece o acceso ao solo, co obxectivo de fortalecer a Comunidade como destino atractivo para os investimentos e a implantación de empresas estranxeiras.

As xornadas, que comezaron onte e rematan hoxe, están organizadas pola Confederación de Empresarios de Ferrol, Eume e Ortegal (Cofer), a Universidade da Coruña, a Australia Spain Business Association, The Armegin Institute e a embaixada australiana en España, e teñen como obxectivo afondar no coñecemento mutuo entre ambas sociedades e afianzar así as súas relacións.

Entre outros temas, púxose de relevo a importancia do sector naval español, e galego en particular, e a súa relación coa Armada australiana, así como as súas oportunidades de futuro. Co obxectivo de reforzar a presenza das empresas galegas deste ámbito produtivo e doutros sectores en novos mercados, Cividanes resaltou programas como o Galicia Exporta e o Foexga, cos que a Xunta impulsa a internacionalización do tecido empresarial galego.

O director do Igape salientou que con ambos os dous programas as pemes galegas poden seguir impulsando as súas vendas mediante liñas específicas para proxectos individuais e colectivos coordinados por organismos intermedios empresariais e cámaras de comercio, que desenvolven actividades de difusión, participación en eventos expositivos no exterior e accións de prospección internacional.

Estas iniciativas, que buscan facer das exportacións un motor de emprego e crecemento económico, forman parte das accións que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria para avanzar na proxección exterior do tecido empresarial galego mediante o desenvolvemento da Estratexia de internacionalización da empresa galega, que ten como finalidade impulsar o ritmo exportador da Comunidade.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments