Friday, 03 May 2019 09:53

Os dous primeiros Hubs de Innovación Dixital de Galicia axudarán ás pemes a avanzar na fábrica intelixente e o big data

A Xunta impulsa os proxectos liderados polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que funcionarán como unha xanela única na que conflúen todos os recursos que os centros de coñecemento ofertan ao tecido empresarial. Este novo modelo de colaboración permitirá ás pequenas e medianas empresas acceder a novos servizos, co obxectivo de facilitar a súa competitividade a través da dixitalización. As iniciativas contan coa participación doutros clústeres, centros tecnolóxicos, grandes empresas tractoras e compañías tecnolóxicas, ademais das universidades. Estes dous polos de innovación centraranse en tecnoloxías punteiras como a internet das cousas, a intelixencia artificial, a computación avanzada, a minaría de datos, a ciberseguridade ou a computación na nube. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), proporcionará axudas económicas de ata 200.000 euros por cada Hub para a súa constitución, así como asesoramento para a súa axeitada articulación. Contarán con infraestruturas tecnolóxicas grazas á convocatoria de espazos industriais compartidos (fab labs) na que traballa o Igape, á que se prevé destinar 16 millóns de euros a executar ata 2022.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 2019.- A Xunta apoia a creación dos dous primeiros Hubs de Innovación Dixital de Galicia, que estarán centrados en achegar ás pemes as tecnoloxías asociadas á fábrica do futuro, como a internet das cousas e a intelixencia artificial, e as que permiten o manexo de grandes cantidades de información (big data) vinculadas ao desenvolvemento das ciencias da vida. Prevese que estes proxectos, liderados respectivamente polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), estean plenamente operativos a partir do ano 2020, co obxectivo de estender o impacto positivo da innovación ás pequenas e medianas empresas galegas.

Os Hubs de Innovación Dixital funcionan como unha xanela única de capacidades tecnolóxicas na que conflúen todos os recursos que os centros de coñecemento galegos ofertan ás pemes, achegando tamén apoio integral para levar os produtos e servizos innovadores ao mercado. Trátase dunha nova forma de estruturar o ecosistema de I+D+i, que permite facer un mellor uso e aplicación dos recursos existentes, conectar mellor o coñecemento disruptivo e a industria; e impulsar a dixitalización das pemes para que sexan máis competitivas e gañen tamaño.

Coa creación destes dous polos de innovación, tras un proceso no que participaron máis de 240 axentes, Galicia avanzará en tecnoloxías como a internet das cousas, a intelixencia artificial, a computación avanzada, a minaría de datos e o big data, a ciberseguridade ou a computación na nube.

O proxecto impulsado por Ceaga beneficiará a sectores como a automoción, o agroalimentario, o naval, o forestal e o téxtil, mentres que o impulsado por Bioga prevé ofrecer servizos ás cadeas de valor da biotecnoloxía, a saúde, o forestal, o agroalimentario e o ámbito mar-industria.

Estas iniciativas contan coa participación doutros clústeres, centros tecnolóxicos, grandes empresas tractoras e compañías tecnolóxicas, ademais das universidades. No caso do Hub liderado por Ceaga participan outros clústeres como Aclunaga, Clusaga e o Clúster TIC; empresas tractoras como Nueva Pecanova, Clun, Textil Lonia, os estaleiros Barreras e Freire, PSA, GKN, Ence, Cupa ou Navantia; firmas do eido tecnolóxico como Televés e R; así como os centros Aimen, Anfaco-Cecopesca, Cesga, CTAG, Cetim, Gradiant e ITG; ademais das tres universidades galegas e de Feuga.

No Hub liderado por Bioga, entre os participantes repiten Clun, Nueva Pescanova, Televés, Clusaga, o Clúster TIC, Cesga, Gradiant, Anfaco-Cecopesca e a Universidade de Santiago de Compostela. A maiores, colaboran neste proxecto outras empresas (como Mestrelab e Vodafone España) e clústeres (como o da Saúde e o da Madeira), así como a Fundación Kaertor.

O funcionamento destas agrupacións virá determinado pola demanda das empresas, e deberán autoxestionarse de forma independente e tender cara a sustentabilidade económica, a través do cobro dos servizos prestados aos usuarios e doutras achegas privadas.

A constitución de Hubs, que permitirá conectar as pemes coas fontes de innovación tecnóloxica excelente de fóra de Galicia, está aliñada coa Iniciativa Comunitaria para a Dixitalización da Industria Europea, e é un aspecto imprescindible para que Galicia teña acceso aos máis de 9.200 millóns de euros que a Unión Europea ten previstos para o programa Europa Dixital para o período 2021-2027.

En total, prevese destinar aos hubs e aos seus usuarios máis de 20 millóns de euros de apoios públicos. Así, durante este ano e o que vén, a Xunta, no marco da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia e o Plan Galicia Innova, así como da Axenda 4.0, proporcionará axudas económicas de ata 200.000 euros por cada Hub, así como asesoramento experto para a súa axeitada articulación.

No 2020 prevese activar axudas por un millón de euros para subvencionar o acceso das pemes aos servizos dos Hubs, así como diferentes instrumentos para apoiar proxectos de I+D+i desenvoltos no seo destas agrupacións, e tamén se estuda a posta en marcha dun programa para impulsar o financiamento de proxectos de I+D+i dentro dos Hubs, cun orzamento previsto de 3 millóns de euros.

Espazos industriais compartidos

Ademais, os Hubs contarán con infraestruturas tecnolóxicas a través da primeira convocatoria de espazos industriais compartidos (fab labs) impulsada polo Igape. Prevese que esta convocatoria conte cun orzamento de 16 millóns de euros a executar ata 2022.

Cos resultados e conclusións da consulta realizada entre o tecido produtivo galego para coñecer a demanda que teñen este tipo de axudas para espazos industriais compartidos, na que se presentaron 26 manifestacións de interese, estanse a deseñar as bases reguladoras da nova liña de apoios, na que se primará a inclusión da infraestrutura nun Hub de Innovación Dixital apoiado pola Xunta.

Os apoios concederanse a agrupacións ad hoc de entidades para a posta en marcha de proxectos de infraestruturas locais de uso compartido que teñan como finalidade o desenvolvemento da contorna das empresas e os consumidores, e a modernización da base industrial, a fin de mellorar a súa competitividade. Para o uso destas infraestruturas establecerase un sistema de servizos tarificables en función do uso ou consumo que se realice.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments