Friday, 10 May 2019 16:19

A Xunta destaca o impulso da I+D+i nas pemes como clave para avanzar na súa proxección exterior

O director do Igape, Juan Cividanes, visitou hoxe en Santiago as instalacións do grupo Itelsis, onde salientou que as exportacións galegas medraron un 2,8% en febreiro respecto ao mesmo mes de 2018. Sinala a boa marcha das vendas ao exterior das empresas no sector TIC, que ascenderon un 79%.

Santiago de Compostela, 10 de maio de 2019.- O director do Igape, Juan Cividanes, salientou hoxe na súa visita as instalacións da empresa Itelsis en Santiago de Compostela o compromiso das pemes coa mellora da súa competitividade e a aposta pola innovación como clave para o avance das exportacións galegas, que medraron un 2,8% en febreiro respecto ao mesmo mes de 2018. Un crecemento que é case un punto superior ao do conxunto do Estado, onde as vendas ao exterior se incrementaron nun 1,9%.

Durante a súa visita a esta compañía compostelá do sector TIC, Cividanes resaltou a boa evolución da súa presenza exterior, así como das empresas galegas deste ámbito produtivo. Así, as vendas galegas ao exterior das TIC incrementáronse nos dous primeiros meses do ano nun 24,6% con respecto ao mesmo período do ano anterior e o volume de vendas acadou os 15 millóns de euros. No mes de febreiro as exportacións do sector incrementáronse nun 79% con respecto ao mesmo mes de 2018.

Sobre o comportamento exportador doutros sectores produtivos no mes de febreiro de 2019, Cividanes destacou o incremento no sector da maquinaria, que medrou nun 56,7% e acadou un valor de 72,7 millóns de euros; o das industrias químicas, que subiu nun 22,6% e logrou un volume de 64 millóns; e o dos cementos, que se incrementou nun 14,4% e acadou unhas vendas de 7 millóns.

O director do Igape quixo poñer en valor o labor de Itelsis, que destaca polo seu traballo nun amplo rango de actividades innovadoras, como o deseño, desenvolvemento e fabricación de equipos e sistemas de radiodifusión de televisión, ademais da súa comercialización, instalación e mantemento, e que desempeñou un papel clave no despregamento da televisión dixital, sendo un provedor de referencia no mercado internacional.

Cividanes resaltou que o éxito desta compañía, que facturou o pasado ano 4,6 millóns de euros e emprega actualmente a 55 persoas -das cales o 30% dedícanse a labores de I+D+i-, está baseado na procura continua de solucións innovadoras para as demandas de clientes a nivel mundial, na mellora da competitividade e no compromiso da empresa coa investigación.

Itelsis ten participado en varias convocatorias do programa Galicia Exporta, co que a Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa, a través de liñas específicas para desenvolver proxectos individuais e colectivos, a proxección exterior do tecido empresarial galego.

A compañía está a conformar unha rede de soporte local nos cinco continentes e exporta na actualidade a países como Australia, Taiwan, Vietnam, México, Perú, Brasil, Marrocos, Dinamarca, Alemaña, Francia, Holanda e Portugal, entre outros.

En relación aos destinos das vendas do tecido produtivo galego, o director do Igape destacou os incrementos das exportacións no mes de febreiro aos Estados Unidos, cunha suba do 169%; a América Latina, cun incremento do 30,8%; e ao mercado asiático, cun crecemento do 19,7%.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments