Monday, 20 May 2019 11:44

Tres proxectos impulsados pola Xunta, selecionados polo Programa europeo de cooperación transfronteriza España-Portugal

As iniciativas céntranse na transformación do sistema loxístico, a promoción dos sistemas produtivos 4.0 e o fortalecemento da transferencia tecnolóxica entre Galicia e o país luso. Cun orzamento de máis de 4,5 millóns de euros, os tres plans de colaboración están cofinanciados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, entre outras entidades. 

Santiago de Compostela, 20 de maio de 2019.- Os proxectos galego-lusos Cologistics, Spin & Up e Mobae, impulsados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración con outras entidades, veñen de ser elixidos polo Programa europeo de Cooperación Interreg V A España - Portugal (POCTEP) 2014-2020 para seren desenvolvidos durante os próximos anos. As tres iniciativas, que contan coa axuda financieira da Xunta e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), dispoñen dun orzamento de máis de 4,5 millóns de euros.

A segunda convocatoria do POCTEP, que ten como obxectivo principal a promoción do desenvolvemento económico e social do espazo transfronteirizo de España e Portugal, escolleu 96 iniciativas tras pasar un proceso de selección en réxime de concorrencia competitiva ao que se presentaron 295 candidaturas. Os programas elixidos recibirán un total de axudas que ascende aos 84 millóns de euros.

A primeira das iniciativas seleccionadas é Cologistics, liderada pola Confederación de Empresarios de Pontevedra, conta cun orzamento total de máis de dous millóns de euros e busca impulsar a actividade loxística no territorio Galicia e Norte de Portugal para lograr o fomento da internacionalización e o incremento da presenza exterior das empresas dos ámbitos da loxística e do transporte, un dos retos da Estratexia de Optimización Loxística de Galicia que está a deseñar o Goberno galego.

O proxecto Spin & Up, proposto pola Universidade de Santiago de Compostela, céntrase na creación de empresas mixtas e o fornecemento dos Núcleos de Transferencia de tecnoloxía na Eurorrexión, coa xeración e interacción de dous polos, un en Santiago de Compostela e outro no norte de Portugal.

Por último, o terceiro plan de colaboración elixido polo POCTEP é Mobae, proxecto baseado no novo modelo produtivo 4.0 no que a innovación, as novas tecnoloxías e a dixitalización permiten dar resposta ás demandas actuais que afronta a industria. Esta iniciativa, impulsada pola Universidade de Vigo, está dirixida á concienciar ás pemes da transformación total dos negocios da mobilidade, que afectarán fundamentalmente aos sectores da automoción, aeronáutico, TIC e biomecánico da Eurorrexión.

Ao abeiro do POCTEP, o Igape desenvolve ademais, en colaboración con diversos organismos galegos e portugueses, o proxecto ECICII PLUS, co obxectivo de fortalecer a capacidade de internacionalización das pemes galegas e lusas a mercados como México e EEUU, América Latina, os países africanos de lingua oficial portuguesa, China, India, Singapur e Polonia. Está dirixido a sectores estratéxicos como o agroalimentario, o canal Contract e os servizos intensivos en coñecemento.

TPL_SV_XUNTA_SOCIAL_SHARE_THIS_ITEM

Login to post comments